Opinión

A voltas coa elección dos alcaldes

“Estas verdades não são perfeitas porque

são ditas./ E antes de ditas pensadas”.

(Poemas inconjuntos, Alberto Caeiro)



Non é doado deixar de lle dar voltas á teimosía dos comandantes do Partido Popular, obstinados en aumentar –ou conservar- o número de alcaldías, sen necesidade de acadar máis votos, utilizando a revirada astucia da posta ao día da vixente lei electoral. Mais, sendo grave a doenza de tan perversa artimaña, non é menos preocupante a inaptitude dos menciñeiros da oposición –incluídos os que acaba de chegar- para pararlle os pés aos que pretenden acomodar as regras de xogo aos seus espurios intereses.

Os pillabáns que dirixen o partido da gaivota, comezaron embobándonos coa cantarela da elección directa dos alcaldes e acabaron por ensinarnos o naipe que tiñan agochado na manga, elevando á categoría de principal e exclusiva, a fórmula que até agora só era supletoria. De prosperar semellante iniciativa, será proclamado alcalde aquel que encabece a lista máis votada, indistintamente da porcentaxe de apoio electoral que consiga. E, por arte de birlibirloque, o primeiro que cante liña arramplará co bingo, facéndose coa maioría absoluta da corporación, malia non atinar o resto dos números do cartón.

Mais como os gallus domesticus gozan da mercé do canibalismo, unha vez que logran facer sangue na cabeza dos semellantes, séguenlle a picar na mancadela ata deixalos sen alento e rematalos sen piedade. Por tanto, de paso que modifican a lei electoral, asestándolle unha cornada na cachola a un sistema que viña funcionando aceptablemente ben, aproveitarán a frouxidade do corpo veciñal para degradar -por enésima vez- a lei de réxime local e converter ao alcalde nun ninguén, nun vigairo do goberno central e amo absoluto de nada que vai para ningures. E o pleno municipal alcanzará definitivamente a consideración social –e real- de cuadrilla de tarabelos, na que uns aplauden coas orellas –os da maioría gobernante- e outros –os da oposición- terán o dereito inviolable a participar na chocante quenda de “rogos e preguntas”, onde poderán preguntar sen que o alcalde teña obriga de responderlle. A función de órgano representativo da veciñanza, capaz de contribuír á procura do progreso, do benestar e da participación dos cidadáns, e ao exercicio do control e da transparencia, con moción de censura incluída, quedará para máis adiante.

Ah! Lémbrame o meu tío Lisardo que se cadra –só, se cadra- sería saudable que os novos movementos e “mareas”, e as vellas alternancias, no canto de insistir tanto na rexeneración democrática e na participación, se puxesen a berrarlle xo! aos que só mudan as leis para que todo siga igual. Por suposto, sen deixar de lado o lícito e lexítimo interese por alcanzar unha representación digna e suficiente para seguir na oposición.

Te puede interesar