Opinión

Cuestión de etiqueta

Na ribadaviense Casa Grande dos Ulloa, felizmente recuperada do esquecemento, nacía alá polo 1936 a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia (UCRA), sendo anfitrión don Álvaro das Casas Blanco, morador do Pazo. A UCRA nacía para modernizar as técnicas na elaboración do viño, velar pola súa calidade, loitar contra as actividades fraudulentas que se amparaban no bo nome do Ribeiro, procurar espazos para a súa comercialización e identificar os viños coa cultura e lingua galegas. 

Despois dunha longa noite de pedra, e recollendo aquela ilusión, nace xa neste terceiro milenio a Asociación Álvaro das Casas, creando os premios Bacelos de Prata como recoñecemento a aquelas adegas que utilizan a lingua galega como elemento vehicular na súa actividade empresarial: nas etiquetas, na publicidade e na súa relación diaria e cotiá. Logo de dez edicións, a Asociación mudou os seus Estatutos para incluír ao resto das empresas agroalimentarias como posibles candidatas a este galardón.

Se na primeira edición o xurado tiña dificultades en emitir veredicto pola escaseza de candidaturas, a dificultade radica agora na feliz profusión de empresas que acordaron etiquetar os seus produtos en galego, considerando o idioma como un valor engadido nuns produtos de calidade. Hai xa máis de duascentas cincuenta marcas de viño e outro cento de agroalimentarias: leite, queixo, mel, pan, fariña, cervexa, ovos, carnes, sidra, café, pementos, vermú, chocolate... Parece que comeza a ser normal o que debería ser normal.

Cando falamos de produto galego etiquetado en galego non debemos esquecer que estamos a falar de comercio local, de emprego, de rural vivo, de orixe, de identidade , de  autoestima, de lingua viva. Produto galego etiquetado en galego: que máis podemos pedir? 

Nas anteriores edicións foron premiadas adegas das distintas denominacións de orixe.... viños todos de excelente calidade que levan a lingua galega polo mundo. Desta volta,  varios centos de adegas e empresas agroalimentarias visten con orgullo unha etiqueta en galego. Nunha difícil elección, o xurado escolleu para esta edición á adega O Alborexar do Ribeiro de Castrelo de Miño, e á Cooperativa Hoxe, empresa queixeira de Lalín, ambas sociedades membros da Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios (Irgade), desde a que nos sumamos a este recoñecemento, que queremos facer extensivo a todas as candidatas, pois a semente prendeu en terra fértil e so falta que agromen mil primaveras máis.

Te puede interesar