Opinión

O home que parou o estaleiro

Compartín pensión cuns traballadores de Barreras ala polo ano 75, na miña época de estudante en Vigo. Xente do naval, moi comprometida co traballo e coa empresa, pero si había que parar o estaleiro para reivindicar melloras profesionais ou salariais, parábase. E punto.

Tamén os empresarios ameazaban co «peche patronal» se a cousa se desmadraba moito. E en algún momento chegaron a facelo, para demostrar «quen manda aquí» . E cada vez que se paraba, a estrada de Bouzas remataba sementada de pelotas de goma, botes de fume, cachos de metal, adoquíns e outra variada munición.

Por iso que sempre pensei que para parar un estaleiro faría falta a decisión dos traballadores ou da patronal. Pero non é así. No verán de 2008, Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador, coñecido no círculo máis próximo como “Pepe de Redondela” chámame:

-Tes que vir a Vigo. Conseguimos que Barreras dera o paso de galeguizar a empresa, empregar o galego nos seus rótulos, na páxina web, na recepción de chamadas telefónicas, nóminas, contratos e ata o convenio colectivo terá un artigo relativo aos dereitos lingüísticos dos traballadores. Imos facer un acto formal no propio estaleiro.

Pensando que sería un sinxelo acto protocolario nas oficinas da empresa, achégome á factoría e atopo a propia grada de botadura ateigada de xente. O acto desenvolveuse nas propias bancadas do estaleiro, onde se atopaba un impoñente barco en construción, un buque sísmico longo como un campo de fútbol e coa altura dunha casa de tres pisos, rodeado de andamios, nos que se atopaban centos de operarios, coas súas fundas azuis e cascos de variadas cores en función da especialidade: soldadores, axustadores, caldeireiros, tubeiros, electricistas, pintores ... Todo o mundo parado, atento ao escenario, onde se desenvolvía o acto, que remataría cunha fermosa interpretación musical a cargo de Susana Seivane, obrigada a un par de propinas diante do insistente “outra, outra” das mil e pico almas presentes nun estaleiro parado durante unha hora. Parado non por decisión dos traballadores ou da patronal, senón polo Pepe de Redondela.

Non sei cal pode ser o custo económico de parar durante unha hora tamaña empresa, pero a sensación de orgullo e autoestima por que o noso idioma saíra dos libros e da escola para instalarse nunha empresas punteira do país, non ten prezo. Galeguizar Galicia, que diría Xosé González Martínez, o home que parou o estaleiro. Esta semana remata a súa vida laboral pero, na súa faceta galeguizadora, algo andará argallando.

Te puede interesar