Opinión

Feijóo, non permita que se perda o Centro Galego de Bos Aires

La injerencia del Estado avanza cada día más adentro del régimen interno de estas agrupaciones, con tendencia a absorberlas en un plazo más o menos corto.Si algún día, en razón de esto último,dejara el Centro Gallego de ostentar el nombre que llevao cuandoapenas haya gallegos entre sus inmensas filas de asociados,justo es el procurar que no queden en el anónimo los entusiasmos, los esfuerzos titánicos,los sacrificios desinteresados de tantos hombres que a esta obra ingente consagraron parte de su vida. Sería triste el pensar que,con las memorias y documentos del centro Gallego, se vieran un día arrumbados para siempre en la trastienda de cualquier repartición pública tan encumbrados ejemplos de civismo y solidaridad humana".

Esta preocupación premonitoria está moi de actualidade nas datas en que andamos,mais esta claridade para alertar sobre a posible perda da titularidade galega do Centro Galego de Bos Aires aparece no limiar do libro Historia del Centro Gallego,publicado en 1940 por Rogelio Rodríguez Díaz.

Este centro,ao igual que moitos outros,constitúe hoxe un activo esencial do noso patrimonio cultural e configura e proxecta a nosa maneira de estar no mundo por mor do drama da emigración, unha emigración que teceu, nunha parte non cativa, a identidade dos galegos.

O Centro Galego de Bos Aires non só significou un espazo de acollida e de preservación cultural –que ten hoxe un incalculable valor– senón que desenvolveu e desenvolve tamén,e de xeito especial, un labor asistencial imprescindible, en particular de tipo sanitario.As cifras da súa importancia son elocuentes. No 1940 tiña 70.000 socios e 20.000solicitudes de ingreso. 41.559 destes socios eran maioritariamentegalegos, pero tamén había españois, así como 27.469 arxentinos. Os atendidos polos servizos médicos no exercicio 1939-1940 foron 760.468, e as receitas dos "remedios" despachadas neste mesmo período ascenderon a 450.000.

Agora anúnciase a venda da sede e tamén a perda da xestión sanitaria. Existe unha oferta de 42 millóns por unha edificación de 34.000 metros cadrados situada na esquina de Belgrano e Pasco. Desde hai moito estivo na mente dos especuladores “botarlle o dente" e privatizar os servizos sanitarios: non por acaso, a oferta procede do grupo empresarial de xestión Rivera Salud, líder no sector de concesións administrativas sanitarias en España, é dicir, xestionan privadamente establecementos sanitarios públicos,experiencia fracasada e coñecida como modelo Alzira,Torrevieja,Elche etc. Porén, non estamos a falar dun modelo de posible asistencia sanitaria, un tema que daría para outra reflexión.

Ben é certo que o Centro Galego de Bos Aires tivo desde hai bastantes anos unha pésima xestión; tamén é certo que a Xunta de Galiza tentou, sen éxito,apoiar a súa viabilidade; tamén é verdade que hoxe ten poucos asociados: todo isto é certo; porén, non é menos certo que, por exemplo, moitísimos asociados tiveron que darse de baixa ao ter que priorizar entre pagar a cota ou comprar "a cesta básica"cando na Arxentina viñeron mal dadas: só hai que lembrar a crise do “corralito” do ano 2001.

Agora convócase a unha acción conxunta do Parlamento,partidos políticos, RAG,Consello da Cultura Galega,Universidades etc.para pedir a conservación deste Centro,proposta a que eu me sumo.Pero que pasa coas entidades financeiras? Que teñen que dicir? Xa esquecemos a cantidade enorme de "remesas económicas" que enviaron os galegos e galegas residentes na Arxentina, por exemplo, ao Banco Pastor, ás Caixas de Aforro etc? Onde está a "obra social" destas entidades?,sería pedir moito que “Á-banca”,especialmente á galega, colaborase no “rescate”desta institución?.

O Centro Galego de Bos Aires ten que seguir sendo iso,galego. Outra cousa ben diferente é a negociación que se poida facer para a "explotación" da área asistencial: pública, privada ou mixta, pero sempre desde a titularidade galega. O goberno e as institucións, públicas e privadas, teñen a obriga de preservar o patrimonio da nosa emigración espallado polo mundo: debemos saber que as sociedades existentes "non se poden trasladar a Galiza", que o patrimonio cultural debe ficar onde está,pero debemos instar a garantir a titularidade galega,apelando mesmo á aplicación da ficción xurídica da Extraterritorialidade,pola que "un edificio ou terreo se consideran nun país estranxeiro como unha prolongación do país propietario". Temos que facer o imposible para non perder o noso.

En canto a posibles usos, pódense establecer convenios coas Universidades galegas e arxentinas para a docencia: por que non se podería, por exemplo, establecer a Cátedra Castelao de Medicina, a través dunha facultade porteña conveniada coa galega? Ou como Cátedra Castelao de Lingua, Literatura e Cultura Galegas? Acaso non se podería utilizar como dispositivo residencial socio-sanitario este espléndido edificio? Estaría fóra de sentido usar algún espazo para residencia de estudantes ou de mozos galegos traballadores que residen nesa cidade? O mais grave deste asunto é que vai supor o inicio doutras experiencias similares noutros lugares.Está, pois, en xogo parte da nosa historia.

Presidente Feijóo,non permita que a esquina de Belgrano e Pasco desapareza,"A Esquina Porteña da Galeguidade Universal", tal como a considerou o Goberno da Cidade de Bos Aires no 1997,si,esa "esquina" onde se sitúa o Centro Galego,ese que foi distinguido coa Medalla de Ouro de Galicia en 1990 precisamente en recoñecemento á súa galeguidade universal. Traballar por este obxectivo terá,sen dúbida, máis apoios dos que vostede pode imaxinar.

Te puede interesar