Opinión

Consumidores

Cando a ocasión o require traemos a esta sección o debate sobre a publicidade en lingua galega para afondarmos na súa utilización nas estratexias comerciais que procuran buscar nos consumidores a fidelización ás marcas que se ofrecen. 

Aínda son moitos os dirixentes empresariais que consideran que o noso idioma non é o medio indicado para pregoar as bondades das súas mercadorías. Prexuízos que teñen raíces ben chantadas nas mentes de moitos creativos formados en centros universitarios nos que, polo que se ve, o profesorado transmite de contínuo os mesmo tópicos e prexuízos sobre a lingua galega. Afortunadamente o andazo non está xa tan xeralizado últimamente; boas mostras son as exitosas campañas publicitarias de reputadas corporacións privadas e das administracións públicas, que son exemplares.

Na historia da publicidade en galego ten un lugar preferente o Almanaque Agrícola ZZ, editado en 1953 pola empresa agrofarmacéutica Zeltia, radicada no Porriño. Estamos a falar dunha empresa de gran proxección internacional creada moito tempo atrás polo médico Ramón Obella Vidal e o químico Fernando Calvet. Anos despois pasaría a ser propiedade do empresario Antonio Fernández López (Lugo, 1903-1971), un home de incuestionable galeguidade que destacou como mecenas de empresas culturais. A Revista de Economía de Galicia, da que foi membro do Consello de redacción editada pola editorial Galaxia que tamén cofundou; a Granxa Agrícola de Barreiros, innovadora na formación escolar e o Centro de Estudos Fingoi, son algunhas das súas creación durante a dictadura franquista.

Pero ao que iamos. O Almanaque Agrícola ZZ foi no seu tempo a única publicación comercial editada íntegramente en lingua galega que acadou tiradas de máis de cen mil exemplares. Estaba pensado para o mundo rural, e abofé que cumpríu os seus obxectivos: informar sobre os produtos químicos para atallar o andazo das pragas do gando e das colleitas. Distribuíase de balde nas feiras e centros de comercialización dos produtos de Zeltia. Contiña tamén  unha información variada e ampla, como a relación dos días e lugares das feiras e mercados en Galicia e as datas máis propicias para as sementeiras, que eran de gran utilidade.

 Engádaselle ademais o mérito de divulgar a cultura tradicional que tiña no refraneiro popular, o “gps” de hoxe, para orientar á xente  nos ires e vires dos fenómenos atmosféricos, por exemplo. Os contos populares ilustrados por recoñecidos artistas reforzaban as mensaxes. Nun tempo no que nas casas labregas non había libros na nosa lingua, o Almanaque ZZ foi a unha publicación de lectura obrigatoria pola súa utilidade cotiá. O Almanaque foi publicación de cabeceira dos notarios no que se refire á unificación e sistemación  nos textos legais de pesos e medidas, tan desemellantes e variados en Galicia

Co gallo do 65 aniversario da edición desta publicación, o Parlamento de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Foro E. Peinador, conxuntamente, convocan a XXV edición dos Premios da Publicidade en Galego, dirixido ás empresas anunciantes, ás axencias de publicidade e aos centros educativos, públicos, privados ou concertados, especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade.

Establécense cinco premios, un por cada unha das seguintes categorías, segundo o medio de difusión: radio, televisión, internet, prensa escrita e un extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. As Bases pódense consultar en www.lingua gal.

Unha das leis de ouro que rexen na publicidade é que, para ser eficaz, debe ser imaxinativa, comprensible, directa e que toque a febra sentimental dos consumidores, que non é outra  non é outra que a lingua galega, a maioritaria dos destinatarios da mensaxe. Zeltia entendeu moi ben aos seus potenciais consumidores por iso lles falou en galego.

Te puede interesar