Opinión

Homenaxe á avogada xeral do Estado

Cando o Tribunal Constitucional resolveu en 1986  o recurso de inconstitucionalidade presentado pola Delegación do Goberno contra algúns preceptos da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, a sentenza ordenaba que a Administración tiña que dispoñer dun prazo de adaptación gradual e progresivo ao réxime da cooficialidade lingüística previsto na Constitución. Acontece que trinta e dous anos despois ese aggionarmento aínda non se producíu n moitas administracións.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que era a única entidade preocupada pola normalización da lingua galega nos usos xurídicos, acudíu ao despacho do director xeral de xustiza, do que era titular un profesor da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, para presentarlle un plan de dinamización nas oficinas xudiciais. O titular daquel departamento aínda non lera a sentenza do Tribunal Constitucional ,un ano despois da súa publicación, e insistiunos que deramos por rematada a xuntanza “porque se han equivocado ustedes de puerta; ese asunto no nos incumbe a nosotros”.

O máis sorprendente é que aquel alto cargo nomeárao un conselleiro pertencente a un partido nacionalista. O seu talante e conduta respecto da lingua galega non o acreditaban para continuar no cargo. Por moito menos Claudio, un emperador romano, destituira a un distinguido Gobernador por non coñecer ben a lingua do Latio; e outro funcionario proconsular fora destituido por non saber ortografía, por escribir ixi por ipsi.

Mais sucedeu, inexplicablemente, que aquel director xeral seguíu no cargo e a lingua galega quedou durantes moitos anos sen un plan reitor para a súa introdución paulatina nos xulgados e usos xurídicos.

Contamos esta anécdota porque é reveladora dun proceso regaleguizador freado moitas veces polas propias administración obrigadas por lei  a fomentaren o uso oral e escrito do noso idioma consonte as normas que establecen a súa igualdade xurídica.

Dona Consuelo Castro Rey, a recentemente nomeada Avogada Xeral do Estado, pronunciou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación co título “Plurilingüísmo e Dereito: A diversidade lingüística no marco político dun Estado”, o 5 de outubro de 2012, cando era a xefa da Avogacia do Estado en Galicia. No texto atopamos unha reflexión certa: “Unha lingua non pode sobrevivir sen funcións relevantes de comunicación. Isto significa hoxe en día estar presente nas actividades dos poderes públicos”. A Avogada Xeral do Estado  é partidaria, consonte coa xurisprudencia  ditada polo Tribunal Constitucional “de introducir medidas de intervención e mesmo de discriminación positiva –como a imposición de cotas mínimas de uso en determinados ámbitos- que aínda son fonte de fortes discrepancias”.

Consuelo Castro non é unha xurista que se dedica a facer  disquisicións de teoría xurídica abstraéndose do compromiso persoal. Ela toma partido con palabra e feitos cando afirma que “o futuro que lle agarda á lingua galega, hoxe na encrucillada, é unha decisión que nos corresponde tomar a todos nós; mesmo aos galegos que pensan que o galego non é útil e que o lugar axeitado para el  está na taberna e únicamente nas cancións populares”. Sempre foi consecuente no exercicio da súa función ao fronte dos servizos xurídicos do Estado utilizando a lingua galega na escrita dos informes e nas vistas orais dos xuízos aos que acudía, tal foi o caso do “Prestige”, onde as súas intervencións fíxoas en lingua galega, ao igual que outros tres avogados –Alejandro Martín, Pedro Trepat e Avelino Ochoa-, todos eles ,coma ela, pertencentes á Irmandade Xurídica Galega, que motivaron que a sentenza de máis proxección internacional fose ditada en lingua galega.

Consuelo Castro , a nova Avogada Xeral do Estado é a profesional máis cualificada para dirixir os servizos xurídicos do Estado, que terá que ser plurinacional recoñecendo de feito os idiomas que son oficiais nos respectivos ámbitos territoriais. Un bo acerto da ministra que a nomeou.Mellor para este cargo non a puido atopar.

O próximo día 14 a Irmandade Xurídica Galega convoca un xantar-homenaxe no castelo de Soutomaior, aberto a todos os compañeiros, amigos e profesionais do dereito que en Galicia sintonicen co maxisterio dunha xurista que fai escola.

Te puede interesar