Opinión

Neira Vilas

Opasamento de Neira Vilas producíu en todos os seus amigos e lectores un efecto de soidade que se ten manifestado en moreas de artigos. Non é xeracións coas súas raíces culturais. A min tamén me producíu un desacougo semellante, afeito como estaba a ter longas e demoradas conversas telefónicas periodicamente.

Quédanos a a súa manda testamentaria que lle pedira para incluíla no libro “En galego,agora e sempre”, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en 2002, que di así: “No canto de bens materiais, que non teño, deixo a paisaxe desta comarca do val do Ulla, onde nacín, tras longo canear por América; deixo as cancións e os romances, os mitos e as lendas que aprendín dende o berce e que inzaron o meu ser; deixo o marmurio do río e os ecos da fala herdada, nesa lingua que amo e utilizo como medio insusbstituíble para a miña comunicación cos demais, e que forma parte esencial do meu patrimonio como fillo desta terra”.

Amiguei con Pepe Neira aló polo ano 1969 a través dunha intensa correspondencia epistolar, que logo foi medrando cando voltou para Galicia e se instalou na súa parroquia natal de Gres. Desa relación epistolar deu conta no seu día: “ El poñíame ao día no devir político, cultural, social e económico deste país, que había de recuperar o seu rumbo tras da corentena franquista; e eu mandáballe libros de contido diverso, que non había nesta banda do mar, e dos que en Cuba imprimían milleiros de exemplares”; libros que me chegaban a través da valixa diplomática en cantidades considerables, que todo hai que dicilo. Todos eles foron postos a disposición da escola de cadros da nova UPG que había formar a decenas de militantes na clandestinidade, que eu animei e dirixín.

O afecto e admiración que nos dispensabamos era recíproco. De min salientaba tres cualidades que manifestou en escritos máis dunha vez: imaxinación, tenacidade e talante para dialogar con todos (agás os incivilizados, que os hai). Desta caste de sectarismo comentábame nunha carta: “Houbo o Congreso dos 25 anos do ILG en Santiago. Non vin na prensa que te convidaran a participar nel. E deberas estar. Tamén a min me tería gustado estar para falar do galego na emigración, pero en fin, non me convidaron”.

Alguén dixera algunha vez que os verdadeiros amigos son aqueles que se adiantan ás dificultades dos que ten ao seu carón e lles pon remedio. Eu, sabedor das súas carencias económicas, propúxenme aliviarllas conseguíndolle unha pensión vitalicia da Fundación Barrié. “O que si me viría ben -pensando máis no futuro, hoxe por hoxe vou indo- sería a beca que me mencionaches. Daríame unha certa seguridade. Xa sabes o que somos os emigrantes retornados. Noutro lado do mar teño unha pequena xubilación, pero non é transferible”- escribíame. Mobilicei a moitas institucións públicas e privadas, sindicatos e organizacións sindicais para que apoiasen a miña proposta, e malia os receos iniciais da Fundación, conseguíuse o obxectivo.

Cando xa pasaba dos sesenta anos a min parecíame unha inxustiza que a Real Academia Galega non o tivese como académico numerario. Anuncielle que me ía poñer en contacto con algúns académicos para que o nomeasen. Pero el non tiña ningunha confiaza en tal nomeamenteo por razóns que non son do caso traer aquí, por iso non extracto parte da carta. “O da Academia non o sei. De corazón, agradézoche a túa iniciativa, pero, hai algo que facer ali en concreto?. Pódese realmente traballar por Galicia? Pero se se pode ser útil,adiante sempre. Ser útil é o que importa”. Ao pouco leu o seu discurso de ingreso.

Pepe sabía que a literatura nos tempos que corrían a literatura non podía ser a única ferramenta para galeguizar o país; de aí que fose gran admirador do labor desenvolvido polas asociacións englobadas no colectivo “Galeguizar Galicia” (www.galeguizargalicia.com), que procuran para a lingua galega novos espazos de uso inéditos. Colaborou sempre connosco con propostas literarias en todas as iniciativas promovidas para fomentar a normalización lingüística na Xustiza (“Contos da Xustiza”); nos corpos de seguridade (“Palabra por palabra. Contos da policía” e “Contos de agardar”); e no eido empresarial (“Contos do Castromil”).

Nunca faltou a ningunha das citas anuais en Soutomaior para asistir á entrega dos Premios Peña Novo, atendidos garimosamente,el e Anisia, pola eficaz e imprescindible Carme P.Vaquero, para facilitarlles a viaxe de ída e volta a Gres. Nese esforzo por arroupalo fixemos costume hai dúas décadas un convivio anual nas insúas, no que ambos os dous eran agasallados polos asistentes. “Foron os iniciadores deste encontro Pepe González e o noso veciño de Brandariz,Gonzalo Balo, que actúa como eficaz “intendente” nestes encontros”, escribíu nun artigo.

A obra literaria de Pepe Neira, como xa o é a de Cunqueiro, terá co paso do tempo máis e máis lectores.

Te puede interesar