Opinión

25 de abril

Hoxe volverei ás rúas portuguesas a celebrar o 25 de Abril nalgún dos múltiples actos que se desenvolven recordando aquela Revoluçâo dos Cravos do 74, da que eu me enteraba estudando na Universidade Laboral da Coruña, en tempos nos que moitos comezabamos a sermos reivindicativos exhibindo con orgullo boinas coa chapiña do Che Guevara e cantando as primeiras cancións do Zeca Afonso e Fuxan os Ventos.

Gusto de mesturarme cos milleiros de portugueses que, a pesar dos pesares, seguen celebrando a gran festa da democracia por moitas crises que tiveran que superar desde os tempos nos que cantaban ilusionados o “Grândola Vila Morena”, crendo nunha revolución viva nun País que agonizaba. Gústame observar sen ser observado, cousa que en Portugal podo facer con descaro, e miro detidamente as caras dos asistentes ós actos, desde as que transmiten afán de loita permanente ata as caras resignadas dos que xa se acostumaron a vivir nun estado de permanente crise; pero todos exhalando o orgullo patrio de pertencer a un “pobo unido que nunca máis será vencido”. E digo ben, porque os outros non están, non se recoñecen nese pobo, seguen cheirando a naftalina salazarista, querendo perpetuar aínda hoxe ese clasismo rancio de “doutores”e “engenheiros” ós que sempre hai que estarlles pedindo “licença”. Esa é unha das grandes asignaturas pendentes de Portugal e que en boa medida impiden o progreso real, o servilismo que aínda tanto se ve no trato do “patrâo” cos “empregados”, que recordan épocas propias da película “Los Santos Inocentes” de Camus.

Todo elo contrasta co Portugal moderno que atrae cada día máis turistas a cidades como Porto, na que cada semana descubro algo novo e fermoso que ver, aínda que cometan o erro imperdoable de estar a converter a “Ribeira” nun ateigado mercadillo de turisteo, onde algúns espelidos empresarios van matar rápidamente a galiña dos ovos de ouro, cobrando 5 euros por unha mini copa de imbebible sangría, sen querer decatarse de que os visitantes non somos tontos e que cando nos sentimos estafados non volvemos. Neste punto teño que dicir que a simpática camareira solidarizouse conmigo e explicoume que desde o mes de marzo o seu xefe decidira subir as consumicións ás beiras do Douro nun 50%, cousa que a ela lle parecía escandaloso, dando a entender que iso non se traducíu para nada nun aumento do seu precario salario. Puiden comprobar como uns turistas alemáns, dos que tanto visitan a fermosa cidade tripeira, tamén puñan cara de poucos amigos cando recibiron a conta. O certo é que Porto ten outros lugares ben fermosos onde os prezos volven ser razoables e alcanzables tanto para os petos dos visitantes como o dos propios habitantes da cidade, que empezan a queixarse de que tanto turismo lles impide disfrutar das súas cousas por non poder chegar a pagalas. O turismo está moi ben, é fonte de riqueza, e a mellora das cidades é algo que nos satisface a todos, pero sempre que non sexa para converterse soamente nun escaparate máis ou menos artificial e caro; os pobos e as cidades son fundamentalmente para quen as vive e lles da vida a diario; ese tamén era o espíritu do 25 de Abril.

Te puede interesar