Opinión

A autencidade de Roi

Cando o vin aparecer por primeira vez en Operación Triunfo levei unha agradable sorpresa, xa que foron varias veces as que Roi pasou polo escenario do “Bamboleo” formando parte de diferentes orquestras, chamando especialmente a atención a última vez que estivo coa “Olympus”, porque na canción “Bajo el mismo sol” el era un dos solistas que cantaba, deixando aparcada a guitarra que o acompaña en todo momento.

Confeso que soamente seguín con interese aquela primeira edición do concurso da que saíron os Bisbal, Bustamante, Natalia, Rosa, Chenoa e demais triunfitos que fixeron carreira. Daquelas fora todo un acontecemento, como sorpresivamente volveu selo agora en certa maneira, non polos datos de audiencia ou pola venda de discos, que daquelas acadaban cifras astronómicas, pero sí pola súa incidencia nas redes sociais onde todo o mundo pode opinar desde o primeiro minuto. 

Por respecto lóxico á nosa canle televisiva non falei desta edición de OT prácticamente nada, nin na radio nin na prensa, pero sí que entrei varias veces en internet para ver as actuacións das galas dos luns, sempre interesado polos artistas galegos, e especialmente por Roi por aquelo de que xa o considero como “da casa”, aínda que apenas tiveramos cruzado un par de saúdos á hora dos ensaios. Pero sí é certo que desde o primeiro momento que o vin no concurso apreciei nel unha naturalidade e unha autenticidade que o diferenciaban dos demais, ao marxe da súa calidade artística que está fóra de toda dúbida. E así llo comentei este pasado martes cando recén aterrado en Labacolla procedente de Barcelona achegouse ata o plató onde estabamos gravando para recoller á súa noiva Cris, que este ano forma parte da Orquestra “Jerusalén”. Evidentemente a súa aparición provocou certo rebumbio entre o público máis novo e foron moitos os que quixeron fotografarse co artista, ao tempo que o facían con Ruth Lorenzo que esa noite tamén formaba parte do elenco, aos que Roi cumplíu o gusto co mellor dos seus sorrisos, aínda que na cara se reflictise a fatiga da viaxe, das últimas hora vividas na “Academia”, e sobre todo do pequeno ou gran desgusto por non poder estar na final. No “corrillo” que montamos para cambiar impresións confesóunos que houbera preferido perder por goleada e non por tan escaso marxe de votos. 

Eu confeso que sigo algo máis as andanzas destes novos artistas polo feito de que algún deles  subirá en maio ao escenario eurovisivo de Lisboa representando ao noso País, e a día de hoxe non teño moi claro quen é o máis idóneo, porque como ben dí en Twitter o amigo Vicente Rico, responsable da páxina eurovisión-spain.com, “A Eurovisión ten que ir a mellor combinación de cantante e canción, non quen teña máis ilusión.” E eu engadiría tamén que debe ir aquel ou aquela que teña oficio e saiba pisar un escenario sen medo, e diso o noso amigo Roi sabe un cacho. Para moitos de nós, as orquestras non soamente foron todo un máster que nos permitíu enfrontarnos a todo tipo de públicos e situacións, e se non que llo pregunten tamén a Bisbal, Sergio Dalma ou á mesma Ruth Lorenzo. As moitas horas de verbena permitíronnos soñar cos escenarios máis glamurosos que hoxe pisamos; e teño por certo que o amigo Roi nunca esquecerá iso. Ogallá lle vaia bonito

Te puede interesar