Opinión

A longa ponte de agosto

Nestes días dá medo ata poñerse malo, porque tés a sensación de que chegada esta ponte-acueduto de agosto ninguén te vai atender; cousa totalmente incerta como todos sabemos porque, cal anxos da garda, sempre estarán aí nos seus postos estupendos profesionais médicos, corpos e forzas de seguridade, bombeiros, persoal de hostelería, limpeza, restauración e ocio, e non poucos voluntarios que aínda cren, a deus gracias, na bondade do xénero humano e na necesidade de botarnos unha man cando máis o precisamos. E neste País irmán, desde onde escribo e onde paso a maior parte do tempo de verán, únense tamén toda a lexión de empregados do comercio, supermercados, e todo canto negocio está orientado ao turismo porque como é ben sabido aquí soamente pechan, mesmo os chineses, o domingo de Pascua, que é a festa familiar máis grande do ano para os portugueses, e onde o nivel de azucre en sangue sobe ata límites nada aconsellables pola enorme cantidade de pasteis e tartas que consumen.

E se, como levo dito unhas cantas veces, Portugal está moi de moda e hai cidades como Porto ou Lisboa que empezan a padecer o fenómeno "Barcelona" en canto a turismo de masas se refire, teño por certo que esta ponte será unha auténtica invasión galega e española a que sufrirán ou festexarán, segúns lles vaia o conto, os nosos veciños, tendo que pedir varias remesas extras de bacallau a Noruega para poder contentar aos milleiros de padales que están dispostos a non deixar máis que as espiñas. Por poñer un exemplo, este pasado mércores intentar aparcar preto dos mercadiños de Valença ou Caminha era misión imposible, e tratar de atopar unha mesa libre nalgún dos seus restaurantes podía acabar coa túa paciencia e coas tripas pedíndoche socorro. Eu polo de pronto, cada vez que se achegan estes días críticos da canícula trato de rachar coa rutina de tomar o café e as cervexas nos locais de costume e quedo prácticamente recluído na casa ata que escampa un chisco; o único que pido sempre é que veña unha climatoloxía estupenda para que todas esas persoas que soamente dispoñen do Día da Asunción e o de San Roque para pechar os seus negocios ou para esquecerse da cara dos seus xefes poidan darse un merecido atracón de sol, praia, río ou o que máis lle pida o corpo; porque non esquezamos que seguimos vivindo en países onde unha parte enorme da poboación non pode irse de vacacións, ou como moito fai unha escapada á casa familiar da aldea. Bendita aldea que sempre está aí e da que non dispoñen sequera os milleiros de inmigrantes que con nós conviven e que cal lexión de retagarda quedan vixiando as grandes cidades neste mes no que todo o mundo quere moverse aínda que sexa ás festas do pobo do lado. Esta, e non outra, foi a sensación que tiven nalgunha ocasión por estas datas nunha viaxe relámpago feita a Madrid onde por non estar creo que nin estaba a Cibeles.

O dito, chegou o acueduto de agosto e, como se encargan de dicirnos desde todos os informativos, haberá millóns de desprazamentos, longos ou curtos, porque o que máis e o que menos como pouco tratará de ir a algunha "lamboirada" ou a algunha verbena a ver á orquestra dos seus amores. Pois que nos aproveite e que o gocemos.

Te puede interesar