Opinión

Artistas que van medrando

Comentaba eu con Carlos Baute durante o ensaio do "Bamboleo" desta noite aquela primeira vez que nos coñecemos no "Tequelexou", cando viña por primeira vez de promoción a España sendo aínda aquí un auténtico descoñecido; cantou as súas cancións e eu arrinqueille a promesa de que cando xa fora unha auténtica estrela no noso país volvería a visitarnos, evidentemente sen caché, e abofé que cumpríu a súa promesa e volveu para darnos as gracias pola acollida que tivera naquela primeira visita. E actualmente, bastantes anos despois, ata coincidimos en vestirnos coa mesma firma galega “Do Rego & Novoa”.

Foron moitos os artistas que vimos nacer e ir medrando nos platós da nosa televisión, como foi o caso de "Estopa", ou de Raúl, que sempre lembra que foi aquí onde se estreou diante das cámaras. Estopa aínda non dera o gran salto que lle proporcionou aquela "Raja de tu Falda", e Raúl aínda non probara os sabores do éxito con "Sueño su Boca" que o levaría a facer xiras multitudinarias por todo o Estado, pero tanto un como os outros lembran con moito cariño aquela primeira aparición na TVG que lles servíu de talismán nas súas carreiras. E o que son as cousas, con Estopa mesmo cheguei a compartir mánager na época en que a oficina de León Heredia en Madrid tamén levaba a artistas da talla de Juan Pardo, Sergio Dalma, Cruz y Raya, El Fary, Navajita Plateá e mesmo aos "Tonechos" de Roberto Vilar e Víctor Fábregas. Cantas veces coincidimos moitos de nós nalgunhas galas ou nalgunhas ceas nas que ter ao lado ao gran Fary significaba escachar coa risa toda a noite. Con Juan Pardo vivín momentos de gloria dentro e fora de Galicia, sorprendéndome gratamente cando o público de Murcia aplaudía as cancións en galego o mesmo que se foran en castelán; e con Estopa teño pasado momentos ben divertidos antes e despois dalgúns dos seus concertos, aínda que houbera que sair escoltados pola policia dada a intensidade do mundo fan, como nos pasou en Nigrán, compartindo coche coa súa familia que sempre viaxaba con eles.

Alégrame moito ir coñecendo e presentando nos meus programas novos artistas que chegan cunha forza e cunha voz incríbles, como é o caso de Ruth Lorenzo ou de Blas Cantó, pero tamén gozo moito recibindo a aqueloutros cos que eu iniciaba tamén a miña carreira profesional nos medios de comunicación, como é o caso de Merche, que estará a próxima semana en "Pequenos Fenómenos", o concurso musical infantil que volve este ano polo Nadal á nosa televisión e que terei o pracer de presentar, e de tantos outros artistas que pasaron polo "Supermartes", o "Acompáñenos" ou o "Tan ta ran tan", como foi o caso do gran Abraham Mateo, que acudíu a Vigo sendo aínda un neniño pero que xa era quen de deixarnos coa boca aberta interpretando o "Cuando tú no estás" de Raphael.

E quedando na Terra, sempre é un pracer recordar tamén aquelas primeiras presentacións de disco que eu lle fixen tanto a Susana Seivane como a Davide Salvado ou Lucía Pérez, que ao igual que Merche e Blas Cantó exercerán de xurados nas dúas semifinais e na final de "Pequenos Fenómenos" nestes próximos sábados de Nadal.

Te puede interesar