Opinión

Bailando nos excusados

Está a servirnos para gozar duns momentos ben divertidos na “Sesión Vermú” da Radio Galega, porque ao que máis e ao que menos pasoulle algunha vez e así nolo contan polo WatsApp. Falo do que ocorre pola manía que lle deu agora a moitísimos establecementos por aforrar auga e luz nos seus baños; e non serei eu quen vaia en contra do aforro destes prezados bens, sobre todo en épocas de seca como na que estamos, pero teño as miñas dúbidas de que tal como o teñen amañado dea resultados satisfactorios.

O primeiro que hai que dicir é que se houbera unha cámara oculta nalgúns destes “excusados” veríase o ridículo que facemos cando temos que levantar e mover o brazo intentando que volva a luz cando aínda nin deu tempo a que a cabeza lle mande ao de abaixo a orde de evacuar. O récord de duración mínima de luz acesa vivino este pasado mércores nun restaurante de Ponte da Barca, no veciño Portugal, onde comín por certo unha estupenda carne “barrosá” a un prezo realmente bó; pero igual é por esa economía nas viandas o que fai que logo teñas soamente sete segundos, sete, para facer as túas necesidades fisiolóxicas cando vas ao baño; e como dubido que haxa algún pistoleiro tan rápido que sexa quen de desenfundar, apuntar, disparar e gardar en tan escaso tempo, imaxino que estará todo o mundo, coma min,  movendo os brazos cada sete segundos como se dun ensaio coreográfico se tratara. Nin que dicir ten que no devandito establecemento intentar lavar as dúas mans á vez, e frotando como mandan os canons sanitarios, é cousa totalmente imposible, xa que ao premer a billa o chorro de auga que che sae dura décimas de segundo. E isto que estou dicindo que non o tomen a mal os donos deste acolledor restaurante, porque todos sabemos que é unha praga que se extendeu por gasolineiras, áreas de servizo, establecementos hosteleiros, centros comerciais e demais lugares polos que pasamos milleiros de persoas a diario.

E digo eu, con tanto aceso e apagado de luces e tanto aporreo de billa non se gastará aínda máis do que se aforra? Non dubido que en todos lados hai nenos que se esquecen de pechar auga e luz, e non tan nenos que ao non ser a súa casa dalle igual o gasto; pero aínda así, con estes descuidos incluídos dame a impresión de que o aforro é tan cuestionable como ese cambio de hora que odio e que desde hai unha semana nos deixa a escuras ás seis da tarde; ou como os modernos coches de agora que se apagan en canto tocas o freo nun semáforo, co cal nunha hora punta entre Mariñamansa e As Lagoas, ou entre As Travesas e Samil, pode que o coche se che acenda e apague ducias de veces. Todo sexa pola salvación da Nai Terra, pero non se dixo sempre que cando se acenden os coches é cando máis consumen?, ou é que agora xa non é así?; disculpen a miña ignorancia pero é que non hai maneira de que eu lle bote o dente ao “tocho” de manual que che entregan cando mercas un destes bólidos.

E volvendo ao temiña das luces nos baños públicos; e polo ben das persoas que teñen que limpalos, sobre todo os dos homes, pedímoslles aos donos dos establecementos que fagan o favor de deixar a luz prendida uns minutiños máis, tendo en conta que ademais dos fallos de puntería a escuras hailles moita próstata perxudicada.   

Te puede interesar