Opinión

Bailaríns

Averdade é que sempre sentín admiración por todas esas persoas que en canto soa a música son quen de poñer todo o seu corpo en armonía para danzar. Tampouco vou dicir aquí que eu sexa un patoso na nobre arte do baile, por moito que no "Bamboleo" insinúe que son incapaz de dar dous pasos con xeito; iso forma parte do guión, e xa sabedes que na tele non se pode crer todo ao milímetro. Pero sí é verdade que cando vexo a esas criaturas seguir o ritmo perfecto dun "cha cha cha" ou unha samba sinto verdadeira envexa; por non falar dos grandes campións de baile que nos visitan cada semana no plató; rapaces que naceron prácticamente cando o programa "Tequelexou" triunfaba na grella da TVG, nuns tempos nos que a calidade artística viña da man dos que chegaban de Cataluña, sendo os de aquí meros aprendices, aínda que xa despuntasen algunhas parellas que adestraban duramente nos concellos de Vigo ou Mos. Hoxe son os galegos os que soben aos podios por Europa adiante, tanto no chamado Baile Deportivo, antigo Baile de Salón, como en Baile Acrobático ou Bachata Sensual; en todas as disciplinas temos aos mellores, e eu síntome feliz de que a nosa televisión pública fose e siga sendo o mellor escaparate para que moitos rapaciños vivan felices e sen complexos o cambio das botas de fútbol e a camiseta do equipo dos seus amores pou uns zapatos de baile e o traxe brillante. É verdade que a provincia de Ourense aínda segue á cola galega neste deporte, pero estou seguro que coas boas escolas que existen en breve estaremos á mesma altura que o resto das provincias. É cuestión de tempo.

Todo isto pensaba eu esta semana vendo o espectáculo "O Mundo a Dançar" en terras portuguesas, con grupos de baile chegados de Kenia, Rusia, Tailandia e México, que foron os grandes triunfadores da noite coas súas vistosas e espectaculares danzas aztecas e o seu colorido "Jarabe Tapatío". Pensaba na sorte que teñen todos eses rapaces e rapazas que gozan no escenario coas súas danzas e traxes tradicionais de poder viaxar dun lado a outro coñecendo mundo e abrindo as súas mentes. Xa o pensaba eu cando comezaron hai 34 anos as Xornadas do Folclore en Ourense, tendo como base de operacións e aloxamento a Universidade Laboral onde eu traballaba, e onde o meu querido e recordado amigo Antonio Gallego facía malabares para dar de comer a padales e culturas tan diferentes, e que nuns días volverán encher de cor e beleza as prazas de moitos concellos da provincia. Sempre sentín un chisco de envexa imaxinando a cantidade de países que todos eses grupos de baile ou de música podían coñecer, como así o fixeron moitos dos nosos, deixando constancia do seu periplo, cando aínda non había Facebook, nas fotografías que enviaban á La Región desde a Muralla Chinesa, Moscú, Sídney ou Tokio. Era e é a xusta recompensa a moitos meses de esforzo, de adestramento e de constancia. Toda unha sorte con tan poucos anos a de poder intercambiar experiencias con xentes de lugares ben diferentes aos nosos, decatarse de que nin todo é tan branco nin tan negro como ás veces nolo pintan, marabillarse de todo o bó que hai por descubrir, e tamén, por que non dicilo, darse conta da sorte que teñen e temos de vivir onde vivimos.

Te puede interesar