Opinión

Barei

Sen coñecela xa me daba a min que iamos ter moi boa conexión, como así foi. Barei é unha desas artistas coas que conectas desde o primeiro momento, e son todo facilidades á hora de traballar con elas. Chega ao plató, como chegará este noite a Bamboleo, desexosa de gustar e de facer equipo. Coñécela por primeira vez e é como se a coñeceses de toda a vida; falas da experiencia en Eurovisión como se o día anterior estivera merendando na túa casa. E de Eurovisión falamos e da importancia que ela lle dá a ter estado nese gran escenario sueco que permitíu que toda Europa a coñecera, ao marxe da posición acadada, xa que como todos sabemos iso depende de múltiples factores alleos á propia canción e a propia intérprete. Ela está contenta coa súa actuación en Estocolmo, a onde volverá estes días para dar concertos, como o fará tamén en Marbella, Berlín, Amsterdam, Copenhague ou Setúbal. Seguramente o tan polémico tema de cantar en inglés lle abríu unhas portas que doutro xeito sería case imposible abrir. Tampouco lle deu nin lle dá importancia a dita polémica, ela canta en inglés desde sempre e así é como pensa seguir cantando. Pois se ela o ten claro non seremos nós quen o cuestionemos, aínda que eu no tema eurovisivo siga defendendo que nun País con catro idiomas oficiais deberiamos empregar algún deles, sobre todo despois de ver como o empregar o inglés non axudou nada a que outros Países nos deran os tan desexados "points".

No seu día apenas puiden falar de Eurovisión por coincidir á mesma hora co meu programa televisivo, pero resarcinme falando coa artista nas dúas veces nas que nos temos encontrado, nunha delas acompañados polos irmáns Diumaró, os xemelgos vigueses gañadores dunha das edicións de "Recantos" de Luar que están a piques de presentar o seu primeiro video musical, gravado con moito esforzo, con moita ilusión e coa colaboración dun bó número de amigos. Quedaron encantados cando recibiron a felicitación de Barei con quen compartiron bastante dese tempo que os artistas temos entre actuación e actuación. Os Diumaró tamén están chamados a triunfar no mundo da música, non soamente formando parte do elenco artístico da Orquestra Principal, senón como dúo, tendo como carta de presentación a canción "Nada de este amor", un estupendo e fresco tema disco que xa podemos ver na rede e que a bó seguro enganchará á xente máis nova.

E se falamos de discos que enganchen hai que volver de novo a Barei que inclue o seu eurovisivo "Say Yay" na reedición de "Throw the Dice", un disco positivo como ela e cheo de boas vibracións e bos temas co que trata de abrirse un oco importante no mundo da música pop europea.

Todos coincidimos en que a posta en escea eurovisiva non foi a máis acertada, feito que os eurofáns achacan aos responsables do evento por parte española, pero o que sí quedou claro é que, ao igual que no caso da galega Lucía Pérez, estamos diante dunha gran artista, cunha excelente voz, cunha gran simpatía e que transmite un bó rollo que se agradece de verdade. De non todas as nosas representantes eurovisivas se pode dicir o mesmo.

Te puede interesar