Opinión

"Buscando o sol"

Igual xa non estamos en idade de atravesar España dun tirón co volante nas mans, pero co pesados que se poñen os aeroportos e todo o relacionado con eses supositorios voantes, cos seus retrasos e as súas cancelacións, o certo é que prefiro darme o palizón de facer mil quilómetros pisándolle ao “ferriño” que cubrir o interminábel e non pouco truculento cuestionario de reserva dalgunha das compañías de suposto “low cost”.

Ademais tampouco está mal de cando en vez repasar “in situ” aquela xeografía que estudiabas de neno coa que aprendías onde estaban os muíños de Don Quixote, o río Guadalhorce ou a Cordilleira Penibética, antes de chegar ao teu destino nese Mediterráneo andaluz para o que non tés que andar mirando demasiado o mapa do tempo e ver que roupa metes na maleta, aínda que eu, como bó galego, vaia ateigado de prendas das de “por se acaso” que veñen intactas de volta. Nesto hai que aprender dos “guiris”, aos que ves chegar cunha maletiña na que apenas lles cabe a roupa interior para un par de dias; total non saen do hotel, co que cun bañador e un “conxuntiño” para botar un baile no sarao nocturno xa teñen o vestiario resolto.

E falando de guiris, foi xustamente co que me atopei nesta ocasión, penso que eramos catro os que falabamos algún idioma patrio, incluída a simpática socorrista malagueña, porque o resto non se preocupaba o máis mínimo por aprender nin a dar as gracias fóra do seu inglés. Eu como son moi “pedagóxico” procuraba que marcharan para os seus lugares de orixe con algo novo aprendido, e dirixíame a eles coa mellor educación pero tamén co mellor do meu castelán, e mesmo en ocasións co mellor do meu galego. E non pensen que se inmutaban. O certo é que a convivencia era fantástica, xa que volvín optar de novo por un hotel “soamente para adultos”. Non teño nada contra os nenos, son marabillosos, pero para iso xa están eses establecementos multitudinarios que lles teñen miles de actividades, monitores de tempo libre, paiasos, tobogáns no medio das piscinas e demais entretementos para que os pais poidan descansar e liberarse un chisquiño. Pero podo asegurarlles que é un gustazo estar rodeado de ducias de persoas que o único ruído que fan e cando pasan as follas dos libros, e ás veces nin iso porque usan os electrónicos. E coa piscina case sempre vacía porque eles ao que veñen realmente é a torrarse “volta e volta” facendo caso omiso dos consellos dos dermatólogos que lles advirten do terríbel melanoma. Dalles igual, o que queren é volver a Liverpool ou a Frankfurt coa cor dos camaróns e con todo o sol desa España que seguen adorando para pasar as súas vacacións.

Ben é certo que tamén che da un chisco de rabia cando queres ver algún partido do mundial no chiringuito do lado do hotel e non atopas nin un camareiro que entenda iso de “un fino con aceitunas” porque resulta que aos donos sáelle mellor a conta ter traballadores da “pérfida Albión” que dominen o do “Fish and Chips”. Pero sempre nos quedará a indescritible Torremolinos, onde nos poden sair reencarnados en calquera momento José Luis López Vázquez ou Gracita Morales; ou tamén podemos ir ata a coqueta e divertida Málaga, aínda que nestes meses estea un pouco trastornada coas obras do metro. Tamén nos queda a opción de Marbella, sempre que esteamos dispostos a pagar dez euros por dúas horas de parking cutre.

Te puede interesar