Opinión

Coida a túa terra

Foi ésta, a da Constitución e a Inmaculada, unha "ponte" atípica para min; tan atípica como este venres no que estou escribindo que máis parece un luns que outra cousa. O certo é que cando teño gravacións de televisión e radio por estas datas sempre boto de menos aqueles "acueductos" prenavideños nos que o meu destino solía ser Madrid ou París. Aínda que gozando do privilexio de traballar facendo o que máis me gusta, sinto unha pequena envexa sa nesas reportaxes televisivas tan da época onde se ve a media España nos mercadillos da Praza Maior madrileña ou nos da Praza da Defensa parisina, nos que alegres turistas  falan das marabillas da iluminación da Gran Vía ou dos Campos Elíseos. Ben é certo que por estes lares, tanto o Concello de Ourense como o de Vigo teñen motivos suficientes como para sentirse satisfeitos da luz que ambienta ás dúas cidades, onde os comerciantes agradecen o incentivo que iso provoca á hora das compras, para combater este outono tan atípico que estamos tendo, onde máis dun, en vez de paraugas ou abrigo, mercou un novo modelo de bañador para ir a Samil ou as termas de Outariz.


Chega novamente o Nadal co que iso significa para cada quen; para uns, tempo de alegría, de solidariedade e de festexo infinito; para outros, tempo de melancolía ou malgasto inútil, cando non de impotencia por non poder malgastar. E para non poucos, tempo contradictorio entre o que pensa a cabeza e o que sente o corazón; porque ao mesmo tempo que se che arrepía o corpo vendo as imaxes de Aleppo, no corazón de Siria, emociónaste escoitando as primeiras panxoliñas ou choras "a moco tendido" cando Raphael entoa o seu "Tamborilero".Eu, polo si ou polo non, xa rematei a semana radiofónica poñendo aquel "Capitán de Madera" de Juan Pardo que os da miña quinta terán como recordo da nenez coas voces de "La Pandilla", e que eu quixen regravar hai xa un montón de anos como recordo de Navidades felices no fogar familiar; seguramente con moito menos marisco ou cava, pero con moita máis emoción e sentimento. 


Eu son dos que boto de menos o anuncio completo do "Vuelve a casa vuelve", por vernos moitos de nós reflictidos nel cando volviamos de vacacións desde Valencia ou Eibar. E ¿saben o que tamén boto moito de menos?, pois aquel anuncio de "Codorníu" do ano 77, se non recordo mal, cando nos albores da Democracia nos convidaba a coidar a nosa terra e a sentírmonos orgullosos dela, cun estribillo que dicía: "Coida a túa Terra, que non tés outra, que ninguén a cambie, que ninguén a queime, que ninguén a rompa", con versións, ademáis da galega, en castelán, euzkera e catalán, cando todos estabamos orgullosos do que comezaba a pasar naquel noso País das incipientes Autonomías e Nacionalidades. Ogallá, nestes tempos tan convulsos, volveramos ter presentes eses momentos que ninguén debería esquecer ou desprezar. Foi moito o que fixemos e logramos como para que algún mesiánico desmemoriado nolo queira tirar pola borda.

Te puede interesar