Opinión

Con Pastora Soler

Xa tiña eu ganas de que visitase de novo o Plató de “Bamboleo” a moi querida Pastora Soler. Levabamos desde finais de 2014 agardando pola súa volta aos escenarios, que abandonou nun ano fatídico no que sufríu varios contratempos e que a levou a tomarse un descanso prolongado para recuperar forzas e superar iso que se chama “pánico escénico”, e que lle fixo tomar a dolorosa decisión de interrumpir a súa carreira profesional comunicando a través das redes sociais unha mensaxe que nos estremecía a todos os que a admiramos desde sempre, e sobre todo desde que subida ao escenario de Bakú, capital de Azerbaixán, escribira para Eurovisión unha das páxinas máis impresionantes que se recorden á hora de defender o “Quédate conmigo”, que ben merecía quedar entre as primeiras clasificadas, aínda que finalmente tivera que conformarse cun meritorio 10º posto, que soubo a pouco aos case nove millóns de espectadores que gozaron coa súa interpretación. Ese momento “Pastora Eurovisiva” lembroume a aqueloutro, tamén espectacular, no que Anabel Conde nos puña os pelos de punta coa súa portentosa voz e o seu impecable directo interpretando o “Vuelve Conmigo” en Dublín 95 que lle daba a España un 2º posto que ata ese intre soamente conseguiran o “Eres Tú” de Mocedades e “En un Mundo Nuevo” de Karina, e que fixo que todos os compoñentes da orquestra do festival dirixida polo mestre Eduardo Leyva lle brindasen un máis que merecido aplauso. Poucas veces se teñen visto e escoitado voces en Eurovisión tan impresionantes como a de estas dúas mulleres, ás que lle vou a unir a da murciana Ruth Lorenzo que xa ten demostrado dabondo que nesto de facer da súa voz o que quere non ten rival, outra fantástica cantante que impactou no Festival co seu “Dancing in the rain”.

Pois desde aquela noite aciaga do 1 de decembro de 2014 no Teatro Cervantes de Málaga, onde tivo que interromper o concerto por non poder manterse literalmente en pé, debido á forte presión que soportaba desde había meses, ata hoxe, Pastora Soler tivo tempo de serenarse e recobrar a confianza en sí mesma, tivo tempo para cumprir o soño de ser nai, algo que desexaba enormemente e que a bó seguro lle axudou a superar eses momentos durísimos da súa vida persoal e profesional; a nena Estrella deulle de novo a Pastora motivos para retomar con forza o camiño da música, ese camiño que tantos días de gloria lle ten dado e que a leva a pisar de novo escenarios tan míticos como o Teatro Real de Madrid, o Liceo de Barcelona, o Auditorio Rocío Jurado de Sevilla ou o Palacio das Artes e das Ciencias de Valencia, entre moitos outros como o Auditorio Mar de Vigo que a traerá a Galicia o día 2 de marzo para estar tamén no Palexco da Coruña ao día seguinte. Serán dúas citas estupendas para gozar deste estupendo novo disco co que Pastora Soler volve aos escenarios, titulado “La Calma”, no que inclúe as cancións “Vuelves a la vida”, “Ni una más” ou “La Tormenta” que a artista vai interpretar esta noite en “Bamboleo”, como aperitivo do que serán eses agardados concertos na nosa Terra.

Te puede interesar