Opinión

Conversa con Pulido

Atoparse con Antón Pulido sempre é garantía de boa conversa e diversión. E así ocurríu esta semana polo centro de Vigo, cidade onde moitos coma el e coma min residimos, aínda que esto signifique facer moitos quilómetros para estar cada pouco cos nosos amigos e familiares en Ourense.

Atopeime co Fillo Predilecto de Amoeiro arrimado a unha parede pelexando cuns whatsapps, e tras os saúdos e apertas de rigor decidimos continuar o palique nos salóns do Hotel NH que nos quedaba ao lado. Eu aproveitei para tomar un “fino” con olivas que o corpo me pedía de aperitivo e el optou por un auga sen gas, porque ao parecer anda tentando facer media dieta, cousa que lle vexo difícil porque en canto divisou as “patacas fritas” que o camareiro puxo na mesa caeu na tentación de catalas. Pero está ben iso de que se coide porque os que o queremos e admiramos desexamos ter Pulido para moito tempo; e de todos é sabido o moito que gusta o artista da boa mesa e mellor sobremesa con cante incluído.

E de cante falamos tamén, porque os dous estivemos o pasado domingo no ateigado Teatro García Barbón asistindo ó exitoso concerto que deu María do Ceo presentando o seu “Soños Cumpridos”, gracias ó apoio do empresario Manuel Abal e acompañada de sete excelentes músicos, no que repasou tamén moitos dos seus grandes éxitos, enchendo de “Ourensanía” ós moitos incondicionais que non faltaron a esta cita, presentada con moito agarimo polo amigo Rubén Riós.

E pregunteille a Pulido pola xa clausurada exposición de Ourense, na que ofreceu toda unha “Antoloxía” do seu traballo a través de corenta obras chegadas de moitas coleccións públicas, privadas e mesmo persoais; e contoume o pracer que sente cando van grupos numerosos de escolares ós que en non poucas ocasións corresponde coa súa presenza e o seu maxisterio, como fixo cun grupo de alumnos de Bande, recordando seguramente os seus moitos anos de docencia, nos que non dubido combinaría a transmisión do saber co gran sentido do humor que sempre o acompaña.

O mesmo humor co que me contaba o saúdo que lle fixo á Raiña de España na inauguración coruñesa da Mostra “El Primer Picasso”, onde empregou un lacónico “Hola Letizia” cando a raiña lle estreitou a man de xeito enérxico, quedando con ganas de dicirlle que tiña que comer un chisco máis; e non dubido de que se o saúdo non fora tan protocolario e rápido non deixaría pasar a ocasión de dicirllo. Pero esta “sesión vermout” tamén nos servíu para falar das nosas carreiras, eu volvinlle agradecer a magnífica presentación que fixo do meu libro en Vigo e confesoume que en máis dunha ocasión ten de fondo o “Bamboleo” mentres lle dá ó lápiz.

Falamos do Premio Trasalba 2015 que este ano a Fundación Otero Pedraio quixo que fora para a súa persoa e que nos congregará na Casa Grande de Cimadevila a moitos amigos o último domingo de xuño, nesas súas terras onde el sendo un pequeno seminarista xa conversaba co Patriarca das Letras Galegas, a quen sorprendera gratamente desde a primeira conversa que conseguíu manter con el a base de tenacidade e un chisco de “morro”.

Te puede interesar