Opinión

Corpus en Caminha

En Portugal seguen mantendo o xoves do "Corpo de Deus" como día festivo, e alá que me fun a celebralo á miña outra residencia de Caminha, onde sentarse na terraza do Café Central do amigo Tomás e deixar que pase o mundo é un auténtico luxo. Ben é certo que é un deses lugares onde me atopo como na casa porque xa vai para dez anos que tanto o xefe como os seus empregados son uns bós amigos, e xa saben que pola mañá gusto de un saboroso bolo de arroz co café e pola tarde dunha boa ración de aceitonas coa cervexa. E nada mellor que sentar baixo a sombra dos seus parasoles mentres se agarda pola procesión, que curiosamente non se celebra ao mediodía como en Galicia, senón as cinco da tarde. No que sí coincide coas nosas é nas fermosas alfombras florais que a noite anterior moitas persoas se encargan de confeccionar para deleite dos veciños e visitantes que as disfrutamos ao día seguinte, permanecendo inmaculadas ata que pasa a Custodia baixo palio, acompañada polos estandartes e os nenos de Primeira Comuñón, ao igual que sucede en Galicia; pero estando en Portugal non podía faltar unha banda de bombos que co seu potente son van abrindo o desfile acompañados de mulleres ataviadas cos típicos e vistosos traxes minhotos; a tradición sempre está moi presente en todas as celebracións do País veciño.

Fíxome gracia ver a toda unha recua de monaguillos vestidos de branco cos seus incensarios e as súas navetas porque me recordaron a cando hai xa moitos anos eu desfilaba encantado no Corpus de Allariz ao lado do palio e movendo aquel pequeno botafumeiro como se me fora a vida nelo, mentres cantabamos unha das cancións que aínda hoxe me emociona escoitar, o "Cantemos al amor de los amores", á que se lle unías unhas ducias de bombas de palenque e as campás de todas as igrexas da vila repicando case o mesmo tempo provocaba unha sensación e unha emoción difíciles de explicar. Son esas cousas da nenez que quedan gravadas de por vida e que en momentos como os vividos o xoves en Caminha volven ao teu maxín.

Nesta localidade portuguesa, onde me fan sentir como na miña casa, vivo ao longo do ano moitos acontecementos festivos, porque son moitas as actividades que se realizan nas fins de semana, e de xeito moi especial nos meses de verán, onde te podes atopar con festas medievais ou sesións vermús amenizadas por voces do Alentejo; noites de música e baile tradicionais, concentracións de coches, motos, bicicletas ou surf; concertos de rock e sesións de Djs na praia; mostras de artesanía ou de antigüidades e feiras de productos gastronómicos da rexión. E todo elo ben pensado para que o gocen os propios veciños, entre os que me inclúo e, por suposto, os visitantes que chegan cada día en maior número fundamentalmente de Galicia, aínda que no verán podamos atoparnos cunha boa cantidade de turistas alemáns que escollen estas terras para pasar as súas vacacións.

E, por se faltara algo, volveu para quedarse o estupendo Festival de Vilar de Mouros que tanto une os incondicionais da boa música dun lado e do outro do Minho e doutros rios. Este ano ademáis como guinda que non podía faltar a esta cita parece que se confirma a actuación de Salvador Sobral, o flamante gañador do Festival de Eurovisión.

Te puede interesar