Opinión

Cumprindo anos e soñor

Un pode quitarse anos se non se adiantan os amigos do periódico e publican “urbi et orbi” toda a verdade e nada máis que a verdade; un pode quitarse engurras e marcas de expresión, que lle chaman, que non é meu caso gracias á xenética herdada dos meus queridos pais Rosa e Manolo, con todo canto adianto hialurónico sae ao mercado; e mesmo un pode disfrazarse de eterno Peter Pan para pelexar contra “el tiempo, el implacable, el que pasó” que cantaba Pablo Milanés; pero o que un non pode facer cando chega a certa idade é esquecer o pasado, porque xustamente a medida que vas cumprindo anos máis atrás viaxan os  pensamentos, levándonos aos tempos de infancias e adolescencias felices, no caso dos que tivemos a inmensa fortuna de que así foran esas etapas da vida, non por posuir grandes cousas materiais, senón por saber convertir o pouco que tiñamos en algo grande. E así sinto eu a miña vida nun día tan especial coma hoxe no que celebrarei coa familia unha data tan sinalada, e será en Ourense, por suposto.

Alguén dirá que non hai que mirar demasiado ao pasado para poder avanzar, pero o certo é que cando o futuro xa comeza a dar vertixe non está mal botarlle unha ollada a todo aquelo que te trouxo ata onde hoxe estás, a aquel Festival da Inmaculada do Seminario onde comezabas a cantar en público, a aquelas actuacións en Cheste ou Eibar onde sen sabelo estabas facendo a maior militancia do galego que un rapaz de catorce ou quince anos puidera facer a centos de quilómetros da súa casa, en tempos nos que as “Voces Ceibes” aínda se estaban xestando nalgunha facultade universitaria; a aquela boina “Che Guevara” coa que querías facer a revolución a golpe de “Ai Rabioso e Vello Can de Palleiro”, ou a aqueles imposibles deseños dos oitenta que te enfundabas e cos que reivindicabas estar “Enamorado de la Moda Juvenil” que cantaba Radio Futura. Hai que volver a vista atrás para ver aquelas contradiccións, tan propias da vida da xente normal, que te levaban a cantar cancións protesta mentres competías no Festival da Canción Misioneira Galega, porque entendías que non estaba rifado o divino e o humano sempre que non se actuase como un talibán en ninguna das dúas facetas; e ves como fuches aprendendo dos erros, das caídas, dos batacazos, que tamén os houbo, e dos moitos momentos marabillosos como os que aínda segues gozando actualmente, porque tés a inmensa fortuna de que o público segue aí despois de tantos anos, esa “parroquia” que che dá alegrías como a desta semana na que os datos de audiencia na Radio Galega foron un agasallo adiantado de cumpreanos. A radio, esa bendita radio na que empecei igual que na tele hai xa case 26 anos e que me seguen dando, tanto unha como outra, fantásticos momentos de ledicia, e que me esixen máis que nunca estar á altura de tanto cariño recibido. 

E con ese cariño e coa enorme fortuna de sentirme profeta na terra quero rematar hoxe estas liñas, neste noso Ourense marabilloso, desde onde brindarei cos meus seres queridos por todas e todos vos, que permitistes e seguides permitindo que aquel neno de Allariz que tocaba a batería con latas de conserva conseguise cumprir moitos soños que daquelas nin podía imaxinar.

Te puede interesar