Opinión

De rally

Non vou dicir eu agora que sexa un incondicional deste tipo de competicións, pero posiblemente me quede o recordo de cando madrugaba hai anos en Allariz para ver algunha das etapas do Rally de Ourense, que me volveu á memoria co “Extra” que La Región publicou este xoves co gallo do seu 50 Aniversario. Seguramente a imaxe daqueles momentos co impactante ruxido dos Alpine, dos Porsche, do Alpinche ou mesmo dos estupendos Renault 8-TS que tanto gustaban aos nenos da época, fixo que moitos anos despois eu me decantase por mercar un modelo que en estética algo se parecía a aquelas máquinas marabillosas; e tampouco vou ocultar agora que moito tivo que ver o gran Beny Fernández, e o meu amigo Basilio López, para que durante uns anos eu pilotase unha marabillosa máquina “de carreiras” coa que previamente, antes de mercala, fora ao circuito de Braga a alucinar coas “perrerías” que se lle podían facer en chan mollado ou mesmo xeado; cousa que volvín repetir non hai moito en terras asturianas co coche que actualmente conduzo para comprobar os alucinantes efectos do sistema “xDrive” que che permiten sair de situacións ben comprometidas. Poden rir vostedes se queren, pero téñolles que confesar que tanto nunha ocasión como na outra tomei unha biodramina por aquelo do mareo, e lembro que no caso portugués estivo moi ben tomada porque a volta de proba que fixen cos pilotos especializados do circuito foi de auténtica vertixe, aínda que cando collín eu o volante non conseguiran facerme pasar dunha velocidade máis ou menos controlable por moito que me animasen co “dalle dalle dalle” cada vez que entraba nunha curva. Confeso que son bó conductor e que me gusta moito conducir desde sempre, pero procuro ser moi prudente e danme moito respecto esas máquinas de catro rodas por moito que me digan que podo entrar a douscentos por hora nas curvas do circuito cando o que a min me pide o corpo é frear.

Agora cos anos o que realmente me apetece é conducir tranquilamente por carreteras secundarias, gozando da paisaxe e parando onde faga falta para tomar algo, facer fotos ou simplemente respirar aire puro; seguramente lembrando aquel primeiro Renault “Catro Latas” familiar tan entrañable co que aprendín a conducir, ou o “rojillo” Dyane-6 co que tantos quilómetros percorrín por media España. Sempre coa incertidume no primeiro caso de que non se fastidiase a maldita “trócola” e no segundo de que non se quentase o motor despois de subir algún dos portos do Cantábrico. Pero tanto un como outro portáronse estupendamente e déronme moitas alegrías en  tempos nos que eramos moi xóvenes e felices; teño que dicir que máquinas moito mellores e infinitamente máis caras téñenme deixado tirado en bastantes máis ocasións, desde Quintanar de la Orden ata Madrid, pasando por Vendas da Barreira que ostenta o record de avarías no meu haber.

Ourense xa se prepara para o seu Rally, presentado no Liceo polo meu compañeiro Terio Carrera con toda a pompa que merecen os seus 50 anos; vaia desde aquí a miña felicitación para quenes lle deron vida e o mantiveron activo e con orgullo durante tanto tempo.

Te puede interesar