Opinión

Destino Santiago

Esta semana fun a Arzúa para compartir xantar e conversa cos amigos Tonhito de Poi e Lucía Pérez, que como ben sabedes están facendo o Camiño de Santiago, a onde chegan hoxe sábado despois de ter percorrido os 800 quilómetros que separan a Capital de Galicia de Roncesvalles, de onde saíran o día 21 de marzo, na que foi a primeira grande experiencia de “slow tv” en España, coa transmisión en tempo real, co seguimento de millóns de internatutas a través da web, e cun grande impacto en Facebook, Twitter, Instagram e YouTube,             ademáis das conexións diarias e semanáis coa Radio e a Televisión de Galicia.

Atopei aos nosos artistas cheos de vitalidade e ilusión a poucas xornadas do fin do camiño, xantamos no Restaurante “A Paixón” de Arzúa un riquísimo menú a base de ensalada da horta con queixo da zona, champiñóns recheos, troitas, costela caramelizada, flan da casa con xeado e, por suposto, unha boa ración de tetilla; toda unha homenaxe para os sentidos regado cun excelente mencía. Por se fora pouco, acudimos ata o Complexo de Turismo Rural “A Painza” onde me tiñan preparada unha emotiva sorpresa, con música e voz de soprano en directo para dar entrada a unha imponente tarta conmemorativa dos meus 25 anos televisivos.

Alí cantei con estes meus amigos algunha das cancións que interpretarán no concerto que darán hoxe na Capela do Hostal dos Reis Católicos despois de asisitir á Misa do Peregrino; cancións das que gocei especialmente por recordar os tempos nos que eu mesmo recreaba temas de Fuxan os Ventos, como o fermoso “Irmáus” de Celso Emilio, ou a estrea de “Destino Santiago” que para a ocasión compuxo Chema Purón, autor de tantos éxitos de Eurovisión, OTI e Viña del Mar, e do que eu mesmo teño gravado algún fermoso tema como “Sei que estabas aí”, co que lle agradecín á miña “parroquia” que despois de tanto tempo seguiran e sigan aí conmigo.

Realmente foi toda unha experiencia poder estar con Tonhito e Lucía nesta peregrinaxe televisada cara Compostela, e sobre todo participar nesta aposta audiovisual que desde a Dirección da TVG se puxo en marcha a traves de “Starplanning”, cun equipo de xóvenes entusiastas que puxeron todas as ganas do mundo para que todo chegara a bó porto, neste caso á Praza do Obradoiro e á Catedral de Santiago; creando un clima idóneo para que calquera dificultade que puidera xurdir en tantos días e en tantos quilómetros fora solventada sen problema.

Quero mandarlles a todos eles a miña máis sincera felicitación, que personalizo nos meus amigos e productores Miguel Cacharrón e Emilio J. Fernández; con Emilio xa tiven o pracer de traballar e de gozar da súa enorme profesionalidade en programas como “Acompáñenos” ou na Gala Solidaria “Pro Ecuador” que celebramos no Teatro Principal de Ourense e que gracias aos artistas e as xentes como Emilio e todo o equipo magnífico da Deputación Provincial co apoio incondicional de La Región resultou todo un éxito.

Non cabe dúbida de que hai que estar cos tempos, coas redes sociais e con todos os avances de comunicación audiovisual, e este “Destino Santiago” foi unha proba de lume superada de xeito sobresaínte. Agora os nosos artistas Lucía Pérez e Tonhito de Poi prometen disco conxunto saído desta magnífica experiencia, estamos ansiosos porque así sexa e poder gozalo.

Te puede interesar