Opinión

E vaise xuño

Evaise, e case que nin o cheiramos, o mesmo que non cheiramos maio, para min os dous meses máis bonitos do ano e para os que cambiaría as vacacións de verán sen dubidalo; aínda que ben é certo que isto non o diría hai uns cantos anos cando decidía vivir no centro de Ourense e o termómetro do Parque de San Lázaro marcaba 42 graos á sombra mentres facía por estas mesmas datas, e nas horas do mediodía que había menos tráfico, a mundanza do barrio da Cuña para a Torre de Ourense; unha tolada como outra calquera dun irresponsable que non calibraba moi ben a quentura que pode chegar a acadar a nosa querida cidade-forno a esas horas do mes de xullo.

Pero claro, cando te vas vivir a Vigo, como milleiros de compatriotas fixeron ao longo das últimas décadas, ves as cousas doutro xeito, porque cando algún familiar ou amigo te informa que na Porteliña ou nas Lagoas  podes fritir un ovo sen prender lume, o máis probable é que no Náutico vigués teñas que andar cunha “rebequita” por aquelo de que entraron as néboas polo medio da Ría sen pedir permiso; e isto sucede cada ano máis frecuentemente en canto veñen un par de días seguidos soleados polo famoso anticiclón. Eu recomendaríalle a todos aqueles amigos ourensáns que deciden baixar un sábado ou domingo a tostarse aos areais vigueses que botasen primeiro unha ollada ás cámaras web que a CRTVG ten instaladas no alto do Hotel Bahía e así poder comprobar se o “lourenzo” que pega inmisericorde en Xinzo ou en Maceda está oculto a cen quilómetros de distancia, e así non levar o desgusto de ter que estar no piñeiral de Samil arroupado coa toalla ou esa mantiña de “por se acaso” que moitos levamos no coche.

Eu despois deste inverno inmisericorde, no que case nos sairon aletas e branquias e da primavera que nos roubaron, puxen rumbo ao Mediterráneo, mar que tiña castigado en tempo de verán desde que pillei dúas olas de calor seguidas en terras catalás, nas que intentar sair á rúa e respirar era todo un acto de puro heroísmo. Estes días elexín o sur de España como xa fixen na Semana Santa, e fágoo coa pura intención de vir o suficiente torrado como para non queixarme logo dos ventos, das néboas ou do orballo que nos poidan importunar neste mes de xullo que mañá comeza; e seguir presumindo dese luxo de poder durmir cunha mantiña, ou sair ás verbenas de San Benito cunha cazadoriña, xa que ás beiras do Arnoia o normal é que refresque pola noite; nas beiras do Miño ao seu paso por Ourense xa teño eu as miñas dúbidas, aínda que iso teña a ventaxa de poderes ir lixeiro de roupa e darlle uso a esas bermudas coas que podes facer un “prêt-à-porter” contínuo ata que chegue setembro.

En fín, que cando falamos tanto do tempo está claro que nos estamos facendo maiores, porque cando un é novo o máximo que lle preocupa é que unha treboada inoportuna poida suspender un concerto de música, todo o demáis é emendable e substituible. Pero o que sí desexo de corazón é que non suceda o de moitos anos, o que eu chamo as vacacións dos ricos, nas que durante a semana, cando moita xente traballa, fai un tempo estupendo, e cando chega a fin de semana ven pasada por auga ou por néboas. Ás veces nas “alturas” non sei en que están pensando.

Te puede interesar