Opinión

Entroido é vida

Un dos sinais que máis nos delata á hora de cumprir anos é esa repentina preocupación que nos entra por saber o tempo que fará ao día seguinte. E iso sábeno  ben as canles televisivas que aproveitan calquera visita das borrascas de toda a vida para dedicarlle máis minutos á información meteorolóxica que a todas as outras noticias xuntas. Aínda que falando de preocupacións non me extraña nada que en datas como éstas o que máis e o que menos bote unha ollada ao ceo para ver se pode sair vestido de "Garota de Ipanema" ou ten que botar man do disfraz de oso panda de toda a vida; aínda que atrevidos hainos e os que viven o Entroido en toda a súa intensidade son quen de desafiar aos elementos e sair en salto de cama ou cunha minisaia da súa irmá, upados nuns tacóns tres números menos do que é aconsellable e cunha traballada perruca que a última hora da noite pode converterse no máis parecido a un estropallo daqueles que vendían nos ultramarinos de toda a vida. Pero humor non hai faltar, e se en Viana do Bolo ou Vilariño de Conso son quen de desfilar cos seus folións baixo a neve non imos queixarnos os que gozamos de mellores temperaturas. Ademais, de sempre é sabido pola clase médica que o mércores de cinza e os días de inicio da Coresma son os de maior número de consultas por catarro, sinusite, amigdalite e outras "ite" polo estilo incubadas a golpe de samba e ¡asúcar! de Celia Cruz. E fálovos con coñecemento de causa porque foron moitos os entroidos vividos en Allariz e Ourense que rematamos cos pés desfeitos, a cara “amoratada” de aguantar a careta durante horas, e cunha temperatura corporal lixeiramente subida de tono; pero como dicía a canción de Lucía Pérez, "Que me quiten lo bailao".

O certo é que a min este ano decidiron visitarme os virus por anticipado e levo unha semaniña de vaia por Deus, co cal vaime tocar ver a festa desde a casa e, como moito, atoparme mínimamente ben para non perder o tremendo cocido de domingo na casa familiar. Agardo para entón ter recuperado o apetito que estes  indeseables bandidos víricos me quitaron, cousa que soamente agradece a miña estilista do "Bamboleo", porque así non hai problema cos excesos propios da época que logo dificultan abotonar as estupendas chaquetas do meu deseñador de cabeceira Do Rego & Novoa. 

Falaba do tempo ao principio do artigo porque podo imaxinar o que senten todas as persoas que agardan por estas datas para vivir a gran festa anual da provincia ourensá, e tamén de moitos outros lugares de Galicia que cos anos foron recuperando o que nós non chegamos a perder nunca; as ganas de poñer ou quitar a careta e de poñer o mundo por monteira a ritmo de gaitas, charangas, orquestras ou de calquera outra cousa coa que se poida facer música ou ruido, aínda que sexa a golpe de chancas e chocas.

Cando escribo isto non teño nin idea de como irá evolucionando a climatoloxía e non sei se a chuvia obrigará a cambiar os plans de desfiles; en calquera caso, e visto o visto cada ano en Laza, se chove que chova; agora hai chubasqueiros de toda clase e condición para protexerse da auga, da lama, das formigas ou de calquera outra "delicatessen" coa que aos veciños queiran darlle a benvida aos forasteiros, que estarán encantados como sempre en participar da farrapada. 

Feliz Entroido.

Te puede interesar