Opinión

Estreando vía

Vaia por diante que estou encantado de ter unha alternativa á arquiamortizada AP9 para desprazarme de Vigo a Santiago, pero como o día no que esto escribo está chuchurrío na costa, como a práctica totalidade dos deste agosto que se vai, aproveito para facer algunha reflexión en voz alta.

Non dou crédito que nun País no que estamos pasados por auga moitos dias ao ano a ninguén se lle ocorrera facer uns pasadizos cubertos na nova estación viguesa do AVE, porque entre escaleiras e rampas á intemperie podes coller unha boa molladura; a non ser, claro está, que chegues en coche ao parking ou en taxi, co cal o suposto aforro da viaxe váiseche ó nabizo. Do prezo do pequeno almorzo non me vou queixar, primeiro porque ben podía ter almorzado na casa e segundo porque comparado co dos aeroportos queda ata razoable.

De que cando mercas o billete non poidas elixir asento mirando cara adiante, cousa que agradecemos os que nos mareamos desde os tempos dos “caballitos”, direi que nesta era informática parece un pouco ridículo que non se poida ou queira facer; tiven sorte de que na estrea de traxecto ferroviario aínda non fora tempo de cheas estudiantís e puidera sentarme onde me petou sen que ninguén me dixera nada. Pero sí direi, por aquelo de empurrar un pouquiño na causa idiomática e estando nun País onde o galego o entendemos o cen por cen dos nativos, que ben podía ser éste a primeira opción para transmitir as mensaxes a bordo; total, os que falan en inglés xa teñen que agardar pola terceira opción e para a xente máis nova das cidades, esa poboación da que se dí que se está perdendo para o galego a velocidades preocupantes, sempre sería interesante que comprobaran como a Renfe tamén prioriza a lingua que seguramente falan seus pais e con toda seguridade os seus avós.

Xa dixen que o día en cuestión estaba máis ben feo e nin permitía gozar demasiado da paisaxe, cun gris de mediados de outono que non se correspondía coas cores das follas das árbores de fin de agosto; pero o certo é que aínda que fixera un día fermosísimo, con esto do tren rápido pasa un pouco como no seu día pasou coas autopistas, pérdese un montón de beleza en beneficio da velocidade conseguida a base de túneles. No caso de Vigo pérdese a marabillosa vista da ría como a bó seguro se perderá a vista do Miño cando os vigueses e ourensáns gañemos a batalla que nunca se debeu ter perdido, a do AVE directo sen ter que pasar por Compostela.

O que sí me alegrou foi ver como algún peregrino ou turista entraba coa sua bicicleta tan ricamente; unha pena que cando chegue a calquera das estacións non teña ningún carril bici polo que poida circular sen correr o risco de ser engulido polos coches; pero hai que ser positivos e pensar que estas cousiñas vanas resolver estupendamente as novas corporacións municipais.

Eu polo de pronto hoxe fun un chisco máis feliz, xa que no tempo que me levou follear este periódico cheguei á estación de Santiago, onde, por certo, se levantas a vista por riba da catenaria divisas o Gaiás. Con iso tamén habería que poñerse en serio a facer algo dunha vez por todas.

Te puede interesar