Opinión

Felicidades Gayoso

Por suposto que tamén felicito á queridísima e universal ourensá Cristina Pato, e aos demáis premiados coas Medallas Castelao, pero permítanme que hoxe lle dedique estas liñas ao meu compañeiro e amigo Xosé Ramón Gayoso.

Alégrome infinitamente deste premio porque sinto como se ademáis do governo fose unha gran parte do pobo galego quen llo estivera outorgando. Non sempre outros premios teñen moito que ver coa opinión e os gustos maioritarios da xente, e mesmo dera a impresión de que neste noso País a certos sectores lles da reparo premiar a aqueles profesionais ou institucións ben queridas pola xente de a pé; sempre aplaudín os premios similares que se outorgan en comunidades como Andalucía onde nunca tiveron problemas á hora de recoñecer os valores tanto de xentes da cultura, da empresa, do deporte, das ciencias ou das artes, como a xentes ben populares do mundo do espectáculo. E un dos máis grandes espectáculos que se dan en Galicia desde hai case 25 anos ininterrompidos chámase “Luar”, e está conducido por un home que ama o seu traballo, que o vive, que o goza, e que fai que milleiros de telespectadores participen cada venres dun show feito “á galega”, onde ten cabida case todo o bó que acontece no noso País. Eu mesmo tiven o pracer de participar o venres pasado dun programa no que puiden estrear un par de cancións que o propio Gayoso elexíu para min; o “Para Vigo eu vou” e a magnífica “En pé” de Ramón Cabanillas coa que conseguimos xustamente iso, poñer en pé a todo o público congregado no plató e a moitos amigos e amigas que seguíndonos desde as súas casas fixéronnos líderes de audiencia.

Recordo a miña primeira participación en “Luar” aos poucos meses de iniciar “Supermartes”, fora alá polo ano 92 para cantar en directo “Miña Terra Galega” acompañado de luxo pola Orquestra “Los Satélites”, e onde lle recordei a Gayoso a carta que lle enviara un ano antes cando eu aínda exercía de pedagogo en Ourense e el xa andaba polos platós de San Marcos facendo programas como “O Veciño do Xoves”. Rímonos moitas veces cando recordamos esa anécdota, e desde esas foron innumerables as veces que volvín e volvo tanto a “Dona Dana” como ao meu querido “Plató Mil”, onde actualmente se fai “Luar” e onde eu fixen “Supermartes” durante catorce anos. Ahí, con Gayoso e o seu equipo, canto as miñas cancións ou oficio de xurado en “Recantos” como fixen os últimos seis anos. E seis anos son xa os que compartimos espazo escénico, xa que o plató de “Luar” está ao ladiño do de “Bamboleo”, compartindo tamén boa parte do magnífico equipo humano que fai ambos programas, e podemos cambiar impresións e falar do noso traballo e do orgullosos que estamos de seguir contando coa gran fidelidade de milleiros de galegos e galegas. 

Esta Medalla Castelao a Xosé Ramón Gayoso ven a recoñecer a ilusión polo traballo ben feito, polo amor á Terra e polo amor a esta profesión que nos permite o luxo de entrar nas casas de milleiros de galegos cada semana, e recoñece, por riba de todo, o sentimento de todas esas persoas que se ven reflectidas na Televisión de Galicia. Por todo iso e por moito máis, parabéns meu amigo.

Te puede interesar