Opinión

Gemeliers

Confeso que ata hai uns dias non sabía demasiado dos irmáns sevillanos Jesús e Daniel Oviedo, aínda que non me pasara desapercibido o fenómeno mediático no que se converteron desde a súa participación no concurso "La Voz Kids", que por certo non gañaron, aumentando esa lenda de que realmente fan carreira os que non gañan os concursos, léase Bisbal, Sergio Dalma ou Civera, por poñer os nomes dalgúns dos máis coñecidos; e a eles únese agora este dúo de adolescentes xemelgos que leva o nome de "Gemeliers" en deferencia ás suas incodicionais fans, e que están revolucionando o panorama da música xoven española; porque en auténtica revolución se converten cada unha das súas firmas de discos, onde son quen de paralizar a Diagonal de Barcelona ou precisar dos antidisturbios para poñer orde entre as miles de fans acendidas que suspiran polos seus ídolos. Algo non coñecido, en cuestión de dúos, desde os tempos do Dúo Dinámico, Juan y Junior ou os Pecos, sen menosprezar a Andy & Lucas que, a pesares de ter que retomar con forza a súa carreira despois do "boom" "Operación Triunfo", que non deixaba medrar a ninguén que non pasase pola famosa academia, conseguiron un éxito realmente importante, co que aínda continúan. E especifico o de "dúos" porque non hai que esquecer que se falamos de fenómeno fan temos que nomear obrigatoriamente a Abraham Mateo, outro rapaz salido desa factoría de talentos infantís que xira en torno á figura de Juan y Medio en Canal Sur, un dos mellores comunicadores que coñezo e que segue colleitando éxito tras éxito na televisión autonómica andaluza, onde é queridísimo e onde a ninguén se lle ocorre cuestionar a súa presenza por moitos anos que leve. 

Todos estes adolescentes saíron dos seus programas onde xa demostraban o seu bó facer; os irmáns Jesús e Dani, agora "Gemeliers", co seu "desparpajo" diante das cámaras, e Abraham Mateo cunha portentosa voz que mesmo lle permitíu encarnar o papel do neno "Raphael" nunha película sobre a vida do artista de Linares. E aí están agora as "Abrahamers" e as "Gemeliers" pelexando duramente para que os seus ídolos sigan rachando coa pana nas listas de éxito e nas vendas de discos, cousa realmente inaudita nos tempos que corren nos que non se vende un triste disco; pero estes adolescentes son quen de conseguir "discos de platino" e mesmo lanzarse á aventura americana onde as súas fans xa son tamén auténtica lexión en moitos paises latinos.

Un e outros pasaron polos meus programas, Abraham hai xa algúns anos cando sendo neno cantaba baladas de adultos antes de coreografiar o seu exitoso "Señorita", e os "Gemeliers" moi recentemente nun "Bamboleo" que se emitirá proximamente. En xustiza teño que dicir que o seu paso polos platós foi moi correcto, sempre acompañados polos seus pais, cousa importantísima a estas idades, e sempre dispostos a colaborar en todo o que se lles pedíu. Ogallá que nunca perdan a frescura e as referencias vitais e familiares, e que o éxito non lles impida vivir a súa propia vida, aínda que nisto realmente non o teñan nada fácil.

Te puede interesar