Opinión

Georgie Dann

Hai artistas que xa transcenderon os tópicos, tanto os favorables como os desfavorables, polo que significan en toda canta festa se organice. Despois de cada cea de cincuentóns ou sesentóns sempre haberá alguén que se arrinque por “Tus manos en mi cintura” ou “Une mèche de cheveux” de Adamo; e se a cousa remata cun pequeno exceso de licorcafé é moi posible que saia todo o repertorio do outro francés, desde “El Chiringuito” ou “La Barbacoa” ata “El Africano” que dicía aquelo de “Mami que será lo que quiere el negro”. Georgie Dann leva facendo festa veraniega desde os tempos do “Casastchok” ou do “Bimbó” ata agora que lle canta á “Cerveza”; vén sendo para os amantes da música festiva máis parrandeira o que era Boney M para os que gustabamos máis da disco. Un e outro sempre acompañados de señoritas, que nun caso poñían a coreografía e no outro poñían as voces, porque Boney o que é cantar non cantaba moito que digamos, pero festa aínda a segue facendo hoxe “in memoriam”.

Algún amigo Dj sabe que se unha noite non da levantado o ánimo da súa parroquia na disco de turno, non ten máis que poñer unha versión remasterizada do “Daddy Cool” ou do “Gotta go home” para encher a pista como por arte de maxia. Tén o mesmo efecto que para outras moitas xeracións teñen as cancións máis pegadizas de Abba, como “Voulez Vous” ou “Mamma mía”, que despois de corenta anos de gañar Eurovisión para Suecia seguen facendo inmensamente ricos aos propietarios das súas cancións pola cantidade de veces que se reproducen en todo o mundo.

Pois esta noite de sábado será o cantante francés do “Carnaval Carnaval” o que estea inaugurando a nova tempada do “Bamboleo”, que despois dos segundos pases emitidos os sábados pola tarde volve á Galega no seu horario estelar das dez da noite, e agardando colleitar os mesmos éxitos de audiencia das tempadas anteriores. Georgie Dann recordará con nós anécdotas da súa vida e cantará un poupurrí de todos eses temas que sabemos de memoria. Pero a festa contará tamén co cantante do grupo Loretta Martin, Brais Morán, que nos ven presentar un anticipo do que será o seu primeiro traballo en solitario; e falando de traballos tamén estará o rapaz que en canto escoita falar de traballo “dóenlle as traidoras”, aínda que isto non sexa moito verdade xa que está percorrendo toda Galicia co seu show de monólogos.

Pepe Capelán inaugurará unha sección ben divertida na que as sogras serán protagonistas, como protagonista serán de novo Claudio e as avoas que bailan cos seus netiños, e a “ITV do amor” onde maís dun e dunha vanse poñer colorados. Todo elo coma sempre co fío conductor das orquestras galegas, comezando por unha das que eu lle profeso devoción, a Orquestra “Cinema”, que nos fixo bailar sen parar na tarde do domingo de Entroido na Praza Maior de Ourense, e da que eu xa disfrutara cando os amigos de Vilanova dos Infantes me levaran a dar o pregón da Festa do Cristal.

Desde aquí todo o meu cariño e recordo para estes veciños que veñen de sufrir a perda do seu querido párroco Adolfo Enríquez e da súa querida Virxe do Cristal.

Te puede interesar