Opinión

Con Henry Méndez

Cada vez que nos vemos recordamos cando viña ao “Supermartes” formando parte dun grupo de música latina, hai deso máis de dez anos, antes de converterse no fenómeno de masas que é actualmente, onde reivindica o estilo "flow electrónico tropical" co que percorre América e boa parte de Europa, conseguindo que temas como "Rayos de Sol" foran cancións do verán en Francia, Alemaña ou Béxica. Ao longo da súa exitosa carreira, con discos de ouro e platino, Henry Méndez soubo rodearse de grandes artistas como a mexicana Dulce María, o brasileño Gabriel Valim ou o xoven canario Dasoul, con quen gravou a canción "Amarte más" dedicada a combatir a violencia machista, algo realmente importante sempre, pero máis aínda neste caso por tratarse de cantantes moi seguidos por esa xente máis nova á que hai que enviar mensaxes de concienciación, sobre todo a elas, para que entendan que non lle poden consentir ás súas parellas que lles controlen as chamadas telefónicas ou os WhatsApp, xa que por aí empeza moitas veces a actitude dominante que desemboca no maltrato físico ou psicolóxico. Os máis de tres millóns de reproduccións desta canción en YouTube son unha excelente contribución á causa.

Pois este artista dominicano que se mantén fiel ás súas raíces, mesturándoas con ritmos e estilos que van desde o reggaeton ao dance, vai estar inaugurando hoxe sábado o remozado plató da nova tempada de "Bamboleo" na TVG. Xa sabemos que vai ser un día complicadísimo por toda a artillería pesada despregada pola competencia, pero aí estaremos nós, como sempre, dándoo todo para manter fiel á nosa parroquia, esa que nos permitíu desde sempre pelexar contra a Champions, a Selección Española de Fútbol ou contra todo o que se puxera por diante.

Botando a vista anos atrás nunca esquecerei o medo que pasaba o equipo cada vez que se estreaban programas como "Quien Sabe Donde" de Paco Lobatón, "Médico de Familia" con Emilio Aragón, "El Tiempo es Oro" con Constantino Romero, "Sorpresa Sorpresa" con Isabel Gemio ou mesmo cando o Celta xogaba ligas europeas; son moitos anos de andadura e moitas as batallas libradas, e aí seguimos facendo televisión en galego para un público que así o demanda. Para eles tamén cantará hoxe María do Ceo, cunha recreación magnífica do "Teño Saudade" de Andrés do Barro co que vai homenaxear aos protagonistas da "Canción Dedicada"; estará tamén a xoven cantante Silvia Penide, excelente representante do pop acústico feito en Galicia, e por se faltara algo estará a Orquestra "La Nueva Phila", recén creada e composta por un magnífico elenco de músicos chegados desde as formacións musicais máis importantes do País.

Quixemos tamén ter moi presente ao País veciño, e Claudio trouxo desde Vilanova de Famalicâo ós campións portugueses de baile deportivo e dous nenos que nos sorprenderán coa súa desenvoltura e simpatía; incorporamos novas seccións con moitas sorpresas, como a protagonizada polas Comisións de Festa de Galicia, debutando hoxe a de San Vitores de Esgos. E co humor de Capelán xa está todo preparado para estrear esta noite o novo "Bamboleo".
 

Te puede interesar