Opinión

Iñigo, 12 points

X

a o botei de menos nas semifinais desta semana, pero a Gran Gala de Eurovisión non será o mesmo sen a voz amiga e profesional do querido José María Iñigo. Non é que o tamén estupendo comunicador Tony Aguilar o faga mal, todo o contrario, a min ata me lembra un chisco á voz de Íñigo cuns anos menos, e ao lado da tamén estupenda galega Julia Varela están sendo uns comentaristas de luxo do Eurofestival, onde xa deron boas mostras de compenetración e bo facer conxunto nas dúas semifinais emitidas desde Lisboa, nas que non se esqueceron de mandar lembranzas e cariños tanto ao finado locutor como á querida Conchita Wurst nestes momentos delicados da súa vida.

Os que seguimos preferindo ver Eurovisión a través da tele e non en riguroso directo “in situ”, como eu podería estar nesta ocasión no “Altice Arena” lisboeta, somos tamén moi adictos a esas voces amigas que desde sempre nos van comentando todo o que en inglés, francés ou sueco nos din os presentadores ou presentadoras do evento, como este ano están facendo as catro grandes profesionais portuguesas, Daniela Ruah, Catarina Furtado, Filomena Cautela e Silvia Alberto, que son as caras visibles do gran equipo co que a RTP está facendo unhas  retransmisións e postas en escea realmente impecables. 

Como comunicador televisivo e radiofónico gústame nomear a todas esas persoas que considero mestres e mestras do oficio, como é o caso de Catarina Furtado a quen puiden ver en directo no Festival da Cançao deste ano celebrado en Guimarâes, e por suposto de José María Íñigo, a quen admiro desde os tempos de “Estudio Abierto” e “Directísimo” en TVE, onde o bilbaino demostraba o seu bó facer diante das cámaras e marcaba un estilo que logo moitos outros tratarían de imitar. Non está mal copiar de quen ten oficio e mestría, como no seu día tiveron en diferentes programas comunicadores da talla de Kiko Ledgar, Constantino Romero, Joaquín Prat, Mayra Gómez Kemp ou as sempre fantásticas informadoras Rosa María Mateo ou Rosa María Calaf, por citar algunhas desas persoas que lle deron credibilidade a todo o que facían, fora en programas de entretemento ou fora en informativos, porque se importante é o labor de quenes nos poñen ao día de todo o que acontece no mundo, non é menos importante o labor de quenes tratan de sacarnos un sorriso ao final da xornada cando repousamos tranquilamente no sofá da nosa casa; ou de quenes non ensinan a valorar as reviravoltas deses outros deportes minoritarios que, por certo, tantas alegrías nos dan, como é o caso de Javier Fernández en patinaxe sobre xeo, e da súa mellor comunicadora, a sempre fantástica Paloma del Río, que tanto botamos de menos nas pasadas Olimpiadas de Inverno celebradas na cidade surcoreana de Pieongchang.

E estes dias neurovisivos botamos moito de menos ao gran José María Íñigo, un dos máis innovadores e mediáticos comunicadores da historia da Televisión en España, e que congregou diante da pequena pantalla a máis de 30 millóns de espectadores vendo como Uri Geller dobraba unha culleriña ou a gran Lola Flores buscaba entre o público o seu perdido “zarcillo”.

Hoxe, desde Lisboa, os nosos “12 Points” son para ti, querido Íñigo.

Te puede interesar