Opinión

"Je suis"

"Je suis París”, non faltaría máis, aínda que non puxera a bandeiriña no twiter, porque con todos os respectos para quenes así amosan a súa solidariedade, cada día sóbrannos motivos para poñer unha bandeira distinta. Porque imos ver, eu tamén “suis” un tipo desconcertado que non sabe de onde veñen as labazadas, pero sí sei que algo cheira a podre nesta absurda “guerra de civilizacións”. “Je suis” un tipo que leva anos preocupado polas bombas, os mísiles, ou calquera artefacto de destrucción masiva ou minoritaria que baixo o eufemismo de “dano colateral” lles caen enriba aos iraquís, aos sirios, aos malienses ou aos milleiros de persoas que cometeron o único pecado de estar no lugar equivocado á hora equivocada. 

“Je suis” un tipo que está ata a coronilla de que se utilice “ o nome de Deus en balde”, tanto dun lado coma do outro, porque se me repatea que alguén lle faga saltar os sesos polo aire en nome de Alá a uns rapaces que saen a divertirse un venres pola noite no corazón de Francia, tamén me repatea igualmente saber, ou intuir, que cada vez que unha bomba cae en Damasco, Gaza ou Basora haberá tamén centos de persoas, moitos deles nenos e xóvenes inocentes, que salten polos aires cos seus corpos descortizados; e seguramente quen o fai tamén dirá algo parecido a “Deus salve a América” ou mesmo se persignará antes de deixar caer a súa carga mortífera. E eu tamén “suis” un tipo que non comulga cos que aproveitan o desconcerto destas mortes violentas tanto para aplicar a lei do talión, “ollo por ollo”, como para ir de “hermanitas de la caridad” e vender un pacifismo utópico que ogallá puidera levarse á práctica; pero cando un tren, un autobús, un avión ou un restaurante saen voando polos aires con corpos esnaquizados de pouco vale hoxe en día sentarse agardando cal Gandhi a que esto se resolva pola vía do diálogo. 

Neste mundo tolo e superpoboado polos seres máis sanguinarios e destructivos da natureza dame a impresión de que, por moito “je suis” que escribamos, cada vez que “os nosos” sexan atacados xa non hai moito que facer. “Je suis” terriblemente pesimista a este respecto e terriblemente desconfiado cos que me venden solucións, tanto bélicas como de resistencia pasiva; e como non sei que outra cousa facer, pois “je suis” un tipo que procuro ser solidario no meu día a día e colaborar con algunha orgnaización de confianza como Amnistía Internacional; porque se me preocupan e me rebelo contra os asasinatos en Madrid, París ou Nova Iork, o chamado primeiro mundo, quero rebelarme tamén contra as mortes de inocentes en calquera outra parte do chamado terceiro mundo, nunca souben onde está o segundo; desde os nenos soldado de Africa ata os nenos “rata” de moitas urbes latinoamericanas, desde as mulleres lapidadas en moitos países onde son maltratadas como cidadás de cuarta categoría ata os homes e mulleres executados por teren cometido o único pecado de quererse entre eles e entre elas. 

Porque, aínda que ás veces contradictorio, “je suis” un tipo que odia os fanatismos, os de carácter político por suposto, pero moito máis os fanatismos relixiosos. O dogma irracional é sempre moito máis manipulable e perigoso, e diso tamén sabemos bastante por estes lares.

Te puede interesar