Opinión

A José Canal e Manolo Rodicio

Moi alto me puxo o listón o amigo Adolfo Requejo nestas mesmas páxinas falando de dous homes aos que lle teño un especial cariño, aínda que con eles me unan cousas e momentos vividos diferentes. Refírome ao que ata hai uns dias foi o párroco de Allariz durante 42 anos e tamén ao que ten a encomenda de coller o relevo e seguilo compartindo con todos aqueles que confesan ser membros da súa “parroquia”, e mesmo con moitos outros que non sendo demasiado militantes da causa  profesan igualmente o mesmo cariño ás persoas que tratan de facer o ben sen preguntar demasiado nin de onde vimos nin para onde imos. 

Porque así definiría eu o traballo de Don José Canal, con quen é certo que aínda sen coincidir demasiadas veces, por aquelo da miña vida errante, profesámonos un verdadeiro afecto e simpatía, transmitíndome sempre os mellores desexos de éxito na miña carreira. Ningún dos dous esquecemos aquelas entrañables Noiteboas, cando un grupo de amigos deixabamos a medias o turrón e a calor do fogar para cantar o “Adeste Fideles” na fría Igrexa de Santiago, acompañados do vello órgano a pedais que lle imprimía unha maxia especial á Misa do Galo. 

Foron os momentos de máis proximidade co noso cura, cando ao rematar o acto litúrxico acudiamos á súa casa a brindar con cava e volver desexarnos un moi Feliz Nadal. Proximidade que tamén se agradece noutros momentos ben distintos, como cando despedimos ao noso pai e el convidoume moi amablemente a que me dirixira a todos os veciños que quixeron acompañarnos nesa hora do adeus. Así é a vida dos curas párrocos, estar nos momentos de algarabía, cando repican as campás e atronan as bombas de palenque e tamén nesoutros nos que a pena enche os nosos corazóns; e abofé que Don José soubo estar sempre cando alguén o precisou; e por iso o imos recordar co maior dos cariños neste pobo que é xa por sempre o seu, con permiso dos seus paisanos de A Merca.

Non puiden asistir á multitudinaria despedida, pero houbérame gustado darlle un abrazo, que queda pendente, e transmitirlle o meu agradecemento polo seu labor calado, discreto e responsable. Sei que foi unha celebración, divina e humana, do máis emocionante, acompañado tanto polo bispo Leonardo Lemos e unha boa representación dos seus compañeiros, como por moitos conveciños que con el quixeron estar, incluído o meu querido Manolo Rodicio, que despois de tantos anos axudando aos máis necesitados ao outro lado do Atlántico, volve felizmente á terra que o víu nacer para tomar o relevo dese cura que el coñeceu e mesmo axudou sendo aínda un rapaz. 

Levei unha alegría inmensa cando me enterei de que este meu compañeiro de Seminario e amigo da alma da nenez vai ser quen estea connosco neses momentos nos que máis o necesitemos, como antes dicía, nos da alegría e tamén cando precisemos a alguén que nos reconforte. De Manolo Rodicio xa teño falado moito e ben nestas mesmas páxinas, e agardo que pasen estes primeiros días de fortes emocións para vérmonos e poñernos ao día de miles de cousas, para darlle tamén un gran abrazo e dicirlle “como sempre, conta conmigo para o que precises querido amigo.”

Te puede interesar