Opinión

Medo a voar

Convidoume o amigo Kiko Novoa a participar no seu programa "Galicia por Diante" da Radio Galega para falar da miña experiencia como pasaxeiro e como participante no seu día do curso que Iberia organizaba para perderlle o medo ao avión.

Os que lle temos respecto a eses supositorios metálicos que te transportan a través do mundo nunca lle perdemos realmente o medo, por moito que aumentemos a periodicidade en facelo, porque basta cunha mala experiencia climatolóxica á hora da aterraxe ou dunhas inoportunas turbulencias como para que a confianza gañada en moitos meses se vaia ao garete nun par de segundos.
Ben é certo que no seu día dito curso conseguíu que eu montase por primeira vez nun deses artiluxios que ata ese momento me resultaban ameazadores, pero tamén é certo que tal proeza non foi conseguida únicamente gracias ás charlas dos pilotos e dos psicólogos ou ao simulador de voo; os "tranquimazíns" tamén axudaron o seu, de feito a miña primeira viaxe polos aires foi, nunca mellor dito, unha viaxe polas nubes.

Para min voar segue sendo un auténtico martirio, non soamente por toda a atención que lle vou poñendo a cada cambio de ruído nos motores ou da altura do aparato, senón por todo o que significa o tempo previo de espera, nuns aeroportos cada vez máis vixiados, onde o "glamour" de hai anos pasou a reconverterse en todo unha carreira de obstáculos en favor da seguridade e nos que case eres considerado como un potencial terrorista, cousa que a estas alturas de liga e tal como están os tempos non vou criticar por moito que me incomode, sobre todo no inverno cando che fan sacar as botas e pisar no frío chan, obriga nada recomendable para os que padecemos sinusite crónica. 

Tempos aqueles nos que camiñar coa túa maleta polos corredores das salas de espera buscando a porta de embarque tiña un toque chic, mentres que agora desconfías de toda canta bolsa ou mochila atopas polo camiño pegada a unha barba, por moito que penses que con medo non se pode vivir e que un descerebrado disposto a inmolarse podes atopalo en calquera lugar; e se non que llo pregunten a todas esas persoas inocentes que atoparon a morte mentres paseaban tranquilamente por unha ponte, ceaban nun restaurante ou saían dun concerto de música; pero tamén podemos preguntarllo a quenes todos os días teñen que ir á compra ou á escola en calquera barrio de Bagdad ou Damasco, porque dera a impresión de que as únicas vidas que doen son soamente as que nos pillan máis preto, nas cidades do chamado noso mundo, onde as únicas bombas que se coñecían eran as de palenque coas que celebrar calquera festa.

Posiblemente agora cada vez que voemos, collamos un tren ou vaiamos a un centro comercial, nos preocupemos por se ao noso lado se atopa algún trascado ao que lle tiveron que comer o tarro ben comido como para irse para o outro mundo con apenas vinte anos de vida, pero ben é certo que nalgúns casos o único que fan é devolvernos a visita que nós lle fixemos aos seus ancestros en tantos anos de inxustizas e de creación de guerras, para darlle saída á industria armamentística ou para sacarlle rendabilidade aos pozos petrolíficos, os diamantes, ou sabe deus a que. Os deuses, por certo, foron sempre un excusa pefecta ao longo da historia da humanidade para xustificar o inxustificable.

Te puede interesar