Opinión

Músicas do ceo

Tarde de domingo fantástica na casa de María do Ceo. Tiña pendente ir recoller algúns exemplares do seu último disco e foi a escusa perfecta para compartir sobremesa, con tarta de cumpreanos do seu fillo incluída, e paliquear do divino e do humano. Agradezo enormemente que me incluíra no precioso libreto que envolve ó disco cun cariñosísimo “anxo da guarda” de dedicatoria, e sentoo así por estar no medio das verbas fermosas que lle dedican Antón Reixa, Luis González Tosar, Luis García Mañá ou Antonio Piñeiro; verbas que expresan o sentir de moitos de nós cando escoitamos as músicas e as letras destes “Soños Cumpridos”, disco agardado con ansia como sempre ocorre cando a nosa cantora se pon diante do micrófono nun estudo de gravación. Traballo impecable do noso amigo Fernando Campos de “Edisco” en A Estrada, ao que eu tamén lle confío as miñas cancións.

Entre cafés, infusións, música e risas falamos do Couto Mixto, da Ribeira Sacra, do Bolero, da Ourensanía, do caldo de Mourente e de Blanco Amor, porque todos eles, e moitos máis, viven neste disco; e viven as letras do sempre máxico Armando González, con quen aínda teño pendente compartir mesa e mantel de longa duración, xa se encargará María de xuntarnos para tal fin; e viven os que xa non están con nós, como a querida Luisa para quen Armando compuxo “Sin llanto y sin pena”, e vive sobre todo ese espíritu de loita, de traballo, de superación e de amor pola beleza que María do Ceo imprime a todo o que fai. Xa é hora que María traspase definitivamente fronteiras, xa é hora que máis mundo se entere do tesouro que temos nesta nosa Auria e o disfrute, xa é hora de que todo o sementado durante anos de carreira dea froitos en forma de concertos e viaxes ata calquera lugar onde quede un chisco de sensibilidade e amor pola música; e dará igual no auditorio onde actúe porque, por moi grande que sexa, ela sempre será, en acertadas palabras de Antonio Piñeiro, “a dama da cercanía”.

E como de ceos vai a cousa, non podo deixar pasar esta semana sen lembrar a quen se foi este dias para o seu “olimpo” grego particular, o gran Demis Roussos, aquel artista con quen tantas veces cantamos o “triki triki triki” das súas “Mañanas de Terciopelo”, ou co que tanto bailamos “pegados” os seus “Forever and ever” ou “Morir al lado de mi amor”, na época en que medio Ourense acudía cada domingo á discoteca “El Mesón” de Allariz. Ou as miles de horas que pasamos escoitando as súas músicas na terraza do alaricano “Bar San Lorenzo”, onde a entrañable Teresita puña unha e outra vez na máquina de discos o “We Shall Dance” mentres nós consumiamos o tempo e as pipas sen facer un peso de gasto. ¡Bendito San Lorenzo!, que tanto nos aturou naqueles divertidos anos 70, nos que as “sesións lentas” das discotecas eran agardadas como auga de maio por aquelo de “quentar a orella” ou o que nos deixasen quentar.

Te puede interesar