Opinión

Na calor madrileña

Estou escribindo desde Madrid, a onde viñen pasar algunhas calores das que non sufrín ningún día este pasado e pesado agosto que nos brindou neboas, ventos e orballos dabondo, e de paso atoparme con amigos cos que tomar unha cervexa, como a cantante Merche, coa que coincido na terraza da Praza Pedro Zerolo, á que atopo ben guapa e aínda con moita enerxía a pesares de estar rematando a intensa xira de verán, e á que lle conto o éxito do seu apadriñado Salvador Beltrán que estivo a pasada semana no "Bamboleo" axudando a obter unha audiencia estupenda xunto coa gran Cristina Pato, nunha noite de sábado na que Tele5 pelexaba e segue pelexando duramente co seu "Sálvame" e La 1 emitía en directo o partido do Celta, case nada. Despois de charlar coa guapa cantante gaditana quedei para cear co actor ourensán Christian Escuredo, quen despois de pasar uns dias de descanso entre a súa casa en Valdeorras e a costa galega volve a estar triunfando na segunda tempada do musical "Priscila, Reina del Desierto", papel no que segue estando memorable e polo que xa obtivo neste 2015 o Premio ó Actor Revelación.

Despois de dar boa conta dunha turística paella que non estaba demasiado mala e cun viño de Rueda tamén bastante aceptable retirámonos cedo porque o amigo Christian tiña traballo dabondo ao día seguinte cos seus talleres, nos que sempre quere aprender algo máis, coa súa asistencia militante ó ximnasio para manterse na forma que lle esixe o escenario, e coas súas representacións diarias, nas que venres e sábados fai dobre sesión. Un musical que eu sigo recomendando a todos os que teñan que baixar á capital do Reino por traballo ou lecer. E como me salta un twitter do cantante galego Vizcaíno no que conta que anda por Madrid coa súa irmá Lucía Pérez, envíolle un WhatsApp para ver de que vai a cousa recibindo a resposta da cantante do Incio que me informa que andan preparando unha importante actuación nos madriles para o mes de decembro, e que saen ó día seguinte para Santander onde van actuar no Festival Intercultural das Nacións.

Non hai maneira de que me vaia de Madrid sen caer na tentación de mercar algún capricho de roupa e calzado para incorporar á nova tempada televisiva, onde continúo exercendo de xuiz no concurso "Recantos" de Luar. E tampouco podo escapar cara o noroeste sen quedar coa miña querida Alba Lago para xantar no divertido restaurante "Sala de Despiece", moi de moda na capital e que recrea unha carnizaría con ganchos, coitelos e azulexos brancos. Alba segue no equipo de Pedro Piqueras dando a información meteorolóxica en Tele5 despois de escapar das calores do mes de agosto madrileño para refuxiarse coa familia en Caldebarcos na costa de Carnota; aínda que me confesa que se cansou do mal tempo e foise coas súas amigas ás augas máis quentes de Tarifa. Non fixemos unha sobremesa demasiado longa xa que eu collía carreiriña cara Galicia e ela tiña cita para pechar o estilismo da Festa Vogue que se celebra o próximo dia 10, na que lucirá unha falda do deseñador vigués Pedro Fernández. Albita sempre marcando tendencia, e se é galega mellor.

Te puede interesar