Opinión

Necesitamos positividade

Eran soamente uns  cantos nenos e un monitor, soamente digo eu, e conseguiron ternos co corazón nun puño e case chorar de alegría cando foron rescatados en Tailandia dun xeito aparentemente heroico. O mesmo que cando vemos esas terribles imaxes de bebés chegados nesas pateiras ás que xa nos teñen acostumados os medios de comunicación, ou a eses abnegados gardas civís que non dubidan un segundo en tirarse ao mar embravecido para salvarlle a vida a quen tan desesperado debe verse como para xogarse a súa no Estreito meténdose nunca barca case de xoguete e sen tan sequera saber nadar. Por non falar dos milleiros de seres humanos que atravesan países ou desertos para logo toparse con muros de cemento ou valados de espiños que lles impiden tocar "El Dorado", sexa a este lado ou ao outro do Atlántico. E mentres pasa todo iso, nos Países do confort e da democracia cada vez que hai eleccións levamos un terrible sobresalto ao ver como auténticos bárbaros da palabra e dos feitos toman o poder coa forza dos votos de quenes soamente miran para o seu embigo e para as súas fronteiras, esquecendo que unha vez un tal Hitler chegou ao poder coa forza deses votos e das proclamas incendiarias pronunciadas desde púlpitos como os que hoxe en día se expanden como unha peste imparable por moitos lugares de Europa. 

Por iso, as noticias como a do rescate dos nenos tailandeses produce en moitos de nós un efecto balsámico. Precisamos que alguén nos transmita algo positivo, non podemos estar nun permanente sobresalto como se cada día ao amencer caeran de novo as Torres Xemelgas. Sabemos que a política e a democracia traen debate e confrontacións, incluso dentro do mesmo galiñeiro, pero precisamos que alguén nos transmita algo de optimismo, nos diga que imos sair adiante, que esto ten mellora e que se vai conseguir, que non todo é malo, que vivimos nun País con miles de posibilidades por explotar e que lle farán a vida máis levadía á poboación. Que somos quen de entendernos no fundamental, aínda que eu siga sen entender porque ás veces complicamos tanto as cousas que mesmo parecera que nos encanta facer problemas onde non os hai. 

Xa sei que nos informativos hai que priorizar as noticias de alcance e de interese xeral, pero o mesmo que se lle dedica media hora ao fútbol, ben se lle podería dedicar outro tanto a esas noticias que case nunca aparecen, as positivas, as que levantan o ánimo, as que falan de xente anónima que fai cousas marabillosas polos demais, na súa vida diaria, ou nos seus traballos ou coas súas afeccións. A min gustaríame moito máis coñecer a eses xóvenes científicos que se deixan ollos e pel para descubrir novas curas para doenzas ata o de agora incurables que se un tal CR7 ficha pola Juve ou polo Rápido da Toscana. Eu gozaría vendo como un rapaz ou rapaza que descubre unha cura contra o cancro ou contra o alzheimer ten a mesma "ficha" que un tipo que lle dá patadas a un balón e que bica según conveña todo canto escudo se lle pon por diante. 

Quero, en definitiva, ver e escoitar máis historias de superación, de vida, de todo iso que nos debera facer sentir orgullosos de actuar como seres auténticamente humanos, e facer que os máis novos se empapen delo e non deses titulares truculentos que tanto abundan hoxe en día e tanto dano fan.

Te puede interesar