Opinión

Nenos felices

Aínda non está todo perdido. Hai uns dias tomando un chistonis de noite no caminhés Café Central onde lles contei a semana pasada que terraceo bastante tempo, vin como uns nenos xogaban ao escondite, despois de botar unhas cantas carreiras arredor da fonte. E eran moi felices como soamente se pode ser a esas idades de despreocupación nas vacacións de verán recén comezadas. E tamén vin a cara de envexa doutros nenos que ocupaban cos seus pais a mesa contigua á miña, armados totos eles, pais e fillos, de tablets e teléfonos móbiles de última xeración cos que estiveron "fuchicando" durante as case dúas horas que durou a cea sen apenas dirixirse a palabra. Estes nenos informatizados matarían por apagar os seus dispositivos electrónicos e poder unirse a aqueloutros nenos que corrían, rían e mesmo caían uns enriba doutros con grande algarabía. Os pais destes nenos felices mesmo se divertían vendo como os seus cativos gozaban dos seus xogos socializadores, porque a bó seguro moitos deles nin se coñecían antes dese momento de brincadeira, mentres que pola contra, os pais informatizados reflictían unha triste cara de leite fervido co seu traxín de facebooks ou de sabe deus que conversas sumamente "trascendentais"  mantidas a esas horas da noite.

Probes nenos os deses pais que os sedan a base de aparatiños electrónicos para que non lles dean a lata, anulando calquera conversa familiar e calquera xogo que implique mover brazos ou pernas; probes nenos que miran con envexa como os outros suorentos rapaces van correndo cara os seus pais para que lles dean auga ou lles limpen con mimo os suores de tanta carreira e tanta risa; probes nenos para os que os seus proxenitores lles teñen programada unha infancia vacacional á base de mini pantallas que con toda seguridade lles pasará factura na súa visión por moito que se lles desenrolen os dedos polgares.

Os que tivemos infancias felices de xogos na rúa, de veráns no río e de "curocromo" como todo remedio para cicatrizar as caídas da bicicleta non podemos por menos que sorrirlle a esas familias que son quen de sair de paseo cos seus nenos deixando a electrónica na casa, de soltalos salvaxemente entre os seus iguais para que aprendan a relacionarse en persoa, para tocarse, para brincar e facer amigos e para esquecer os horarios e as rutinas propias da tempada escolar. Nenos que recordarán eses momentos como uns dos máis felices da súa vida, sen precisar estar conectados a nada para falar por unha pantalla o que non falan cando están diante uns dos outros. Iso queda para os outros nenos, os que anclados a unha cadeira e a unha mesa de terraza de verán son campións do mundo de "matamarcianitos", se é que se segue xogando a matar todo o que se move; pero postos a elexir xúrolles que prefiro aquelas matanzas incruentas de vaqueiros e indios nas que participabamos os nenos de entón, onde cun par de bimbios eramos quen de facer o mellor arco e as mellores frechas de todo o campamento "Sioux", e cunha pistola de plástico e media ducia de estralotes eramos máis chulos que o capitán do Séptimo de Caballería. E para os máis papistas que o papa dicirlles que non por elo saímos máis violentos nin nada polo estilo, hoxe a violencia desgraciadamente xa sae nos telediarios. 

Te puede interesar