Opinión

"La normalidad"de Alberto Cunha

Non pode ser máis axeitado o título do novo disco de Alberto Cunha, artista vigués que aínda sendo tan normal é un auténtico grande dos escenarios. Faime chegar este bó amigo o seu último traballo no que inclúe catro temas, un de composición propia que da título ao disco, “La Normalidad”, e tres grandes éxitos dos 60, desde Micky y Los Tonys ata Lone Star e Los Brincos, co cal os máis nostálxicos estamos de parabén, como felices estamos cada vez que este gran showman sobe a un escenario onde é quen de imitar aos grandes da música ou amenizar o concerto a base de grandes éxitos de Raphael, Julio Iglesias, Sabina ou de quen se lle poña por diante. 

Non vou reflictir aquí a ampla traxectoria profesional de Alberto Cunha porque para iso xa está internet que a reflicte moito mellor ca min e con máis amplitude; o único que pretendo con estas liñas é facerlle xustiza a unha das grandes voces que temos en Galicia e que ten percorrido os mellores escenarios deste lado e do outro do “Telón de Grelos”, chegando a facer xiras, ademáis de en solitario, con formacións ou artistas tan dispares como a Sinfónica de Melide ou o hoxe tan fotografado no papel cuché Bigote Arrocet.

Coñecín persoalmente a Alberto Cunha cando se levou o gran premio do “Tequelexou” que eu presentaba na TVG, deixando boquiabertos aos membros do xurado, entre os que se atopaba o mestre José Luis Uribarri, que non tiveron máis remedio que outorgarlle todos eles a máxima puntuación. 

Alberto ten presentado, actuado e cantado en múltiples programas de radio e televisión, deixando sempre unha excelente pegada; non tendes máis que ver en YouTube a recente versión que fai coa Orquestra Poceiro do “Probiña da Tola” de Juan Pardo para comprobar como non esaxero nadiña; aínda que os seus seareiros máis incondicionais non lle perdoen en ningún show que se baixe do escenario sen cantarlles por Louis Armstrong ou Frank Sinatra, ou que recree, con caracterización incluída, a Elvis Presley.

Actualmente Alberto gusta de rodearse do seu irmán Andrés, que toca o baixo, as guitarras e fai voces, e de Rafael Otero “Feluco”, gran batería coñecido e recoñecido por moitas formacións que contaron co seu bó facer ao longo dos anos, e con eles sobe aos escenarios para emocionar e divertir a un público que lle é fiel desde hai anos; aínda que, como ocorre con moitos artistas galegos, circunscriba bastante as súas aparicións a súa cidade ou provincia, non pola súa culpa, quedando o resto sen poder gozar do seu traballo, ou tendo que agardar a que aparezan na televisión, onde agardo que estea pronto ao meu lado para cantar algún destes novos temas gravados.

 Como aperitivo tereino na “Sesión Vermú” da Radio Galega esta próxima semana, onde a bó seguro falaremos de moitos temas e pasarémolo estupendamente cos seus novos temas e recordando moitos dos éxitos dos discos anteriores “Ahora”, “Contra Tempo” e “Mi Gramola”, onde homenaxea desde Serrat ata Pepe Domingo Castaño, pasando por Albert Hammond ou Andrés do Barro e Luis Emilio Batallán; porque a música galega sempre estivo e está moi presente tamén na carreira do noso artista, que se é grande como músico, aínda o é máis como persoa.

Te puede interesar