Opinión

O "Fa" de Susana Seivane

Oito anos de silencio discográfico podería parecer moito tempo, se non fora porque a nosa gaiteira non parou de actuar e crear mentres se dedicaba en corpo e alma a algo que transcendía calquera outra cousa posible, a súa maternidade por partida dobre. Hoxe, a querida Susana Seivane sente unha felicidade plena ao lado do seu compañeiro Xesús Ferreiro "Cachorro", boxeador tricampión de España, e dos seus nenos Fiz e Antón, aos que lle dedica este "FA", bautizado coas súas iniciais. 

Foron varias as ocasións neste periodo nas que Susana visitou o "Bamboleo" e a "Sesión Vermú" da Radio Galega, onde nos foi adiantando algún dos temas que incorporaría a este disco de recente estrea, como a canción "Souris a la vie", que a min sempre me leva dalgún xeito a terras parisinas; pero a sopresa foi maiúscula cando nesta semana recibín o CD completo, deixándome completamente abraiado co seu contido. Teño que dicir que tiven a inmensa fortuna de terlle presentado a Susana a totalidade dos seus traballos, desde aquel primeiro do 99 no "Supermartes" producido polo mestre Rodrigo Romaní ou aquel segundo "Alma de Buxo", onde xa comezaban as colaboracións de luxo que seguiría mantendo recíprocamente ao longo dos anos, como as de Kepa Junkera, Ugia Pedreira, Guadi Galego, Uía Senlle, e moitos e moitas máis de dentro e fora do País, sempre acompañada por músicos de categoría.

E así ata chegar ata esta xoia intimista e marabillosa na que se nota que Susana quixo dedicarlle todo o tempo que lle permitían os seus embarazos e logo os seus nenos; tempo para pensar, para crear sen presas, para innovar como sempre fixo, mantendo un repecto sacrosanto ao tradicional mamado na súa casa, e onde a influencia dos seus maiores vai pegada á súa pel, estando sempre presentes en todo o que a virtuosa gaiteira nos amosa. Pero o que de verdade nos amosa neste disco é unha plenitude persoal realmente salientable. É un disco feito por unha muller nai, no que incorpora novos matices que dan conta desa enorme madurez como compositora e instrumentista. Volve acompañarse dos mellores, e ás veces para algunha canción soamente precisa dunha guitarra de fondo para ela poñerlle voz aos seus sentimentos más profundos, como en "A Nana dos Bicos". Noutras quere enchernos de festa, como en "Papá pum pum", convertendo o tema nun canto a alegría e a eses pequenos momentos que lles dan sentido á vida. Pero dito isto, hai que ir descobrindo todos e cada un dos matices que impregnan este esperadísimo disco da nosa gaiteira, unha artista que sempre trata de sorprender, coa súa musica e por suposto co seu estilismo, que ela coida ata o indicible. Gusta Susana de sorprendernos nas súas aparicións públicas dando esa imaxe da Galicia moderna e creativa enriquecida coas súas raíces. E gusta de rodearse de amigos e amigas cando sobe ao escenario, como ocorreu naquel memorable concerto na Praza María Pita da Coruña, onde gravou en directo o DVD "Susana Seivane e Amigos", acompañada por artistas da talla de Rodrigo Romaní, Xoel López, Anxo Pintos, Antón Davila, e toda a saga familiar. En total, 20 artistas en escea. Case nada. E todo iso sen parar de viaxar por toda España e por Francia, Arxentina, Suiza, Portugal, Escocia, Marrocos, Italia ou Estados Unidos, para recalar en Ortigueira, festival que os nosos artistas miman e adoran, como nós adoramos a Susana Seivane e adoramos este marabilloso "FA".

Te puede interesar