Opinión

O piano de Javier Varela

Contar cun piano en directo en calquera evento é todo un luxo, e se é nun plató de televisión moito máis aínda. Desde a irrupción daquel “Escala en Hi-Fi” que presentaba Juan Erasmo Mochi na única televisión que tiñamos en branco e negro o mundo da música xa nunca foi igual, xa que naquel formato reivindicábase por primeira vez o tan cómodo “playback” que fai que as cancións soen como no disco, e nunca mellor dito, porque o que realmente soa é a gravación previa. 

Por iso, algunhas décadas despois, cando algúns artistas piden tocar ou ser acompañados por un piano hai que facerlles a ola e faciltarlles todo nos ensaios para que así sexa e volvan darlle sentido á música con letras maiúsculas, como sentido lle daría unha gran orquestra ao Festival de Eurovisión, que decidíu prescindir dela hai xa bastantes anos, co cal moitas veces as interpretacións parecen máis un videoclip que calquera outra cousa, ocultando incluso aos compoñentes dos coros que en non poucas ocasións son os que realmente lles dan vida ás cancións.

Eu teño a inmensa fortuna de contar na mairoría dos programas que presento con estupendos pianistas, como foi o caso de “Supermartes” ou o do “Tequelexou”, onde o piano presidía o escenario como agora tamén preside o do “Bamboleo”, onde o gran Javier Varela senta cátedra cando acompaña ás grandes voces que nos visitan . Son deses momentos máxicos que lle dan sentido aos programas musicais, como ocorreu coa recente interpretación do tema “Havana” pola querida Fátima Pego, cantante da Orquestra París de Noia que durante unhas semanas exerceu de copresentadora ao meu lado. Pregunteille a Javier por algúns deses momentos vividos no plató e resaltoume, ademáis do de Fátima, os de Sergio Dalma, Ruth Lorenzo, Mélody , María Villalón ou o que para el foi unha desas noites memorables, ao poder tocar en directo con “Los Panchos”, mítica formación da que el ten recreado ducias de cancións ao longo da súa carreira profesional. Lémbrolles que o amigo Varela é o pianista oficial do Hostal dos Reis Católicos desde hai once anos, onde cear coa súa música de fondo e en directo convértese en todo un luxo para os sentidos, como tamén o foi cando exerceu de pianista no Casino de Compostela, a onde acode aínda de cando en vez para amenizarlle a velada a moitos incondicionais que o seguen reclamando.

Asegúrolles que traballar con este pianista é todo un luxo, porque ademais de ser un excelente profesional é desas persoas que reman sempre a favor, que sempre está disposto a facer o que sexa por mellorar o producto, que prepara todo concienciudamente para sorprendernos, e, algo tamén moi importante, que fai todo co mellor dos seus sorrisos. Vive o programa de principio a fin con intensidade e é por elo que eu subo a onde el está moitas veces ao longo da noite, porque sei que ao seu lado lle estamos contaxiando o bó rollo que se respira no plató a toda a audiencia. E iso é o que hai realmente en “Bamboleo”, moi bo rollo e moitas ganas de entreter a quen nos elixe para pasar a noite dos sábados. E Javier Varela seguirá aí connosco durante moito tempo para poñer sempre a nota musical de calidade e a simpatía que o caracteriza e que nos contaxia. Bendito contaxio.

Te puede interesar