Opinión

Pola Ribeira Sacra ourensá

Moitos opinamos que a mellor época do ano para visitar a Ribeira Sacra é o principio de outono xusto despois da vendima, cando as follas das vides confoman unha auténtica loucura de cores, toda un embriaguez para o sentido da vista.

E alá que nos fomos desde Allariz pola vella carretera de Maceda, con toda a discografía de Miguel Bosé soando no Spotify, deixando voar a imaxinación e volvendo moitos anos atrás cando o grupo de amigos faciamos esa viaxe de ida e volta en bicicleta, para darnos un chapuzón nas piscinas de Molgas ou no mesmo noso río Arnoia uns cantos quilómetros máis arriba. Pasando por diante da forxa da familia en Vilaboa, lembrando as festas de San Ramón en Requeixo, as de agosto co licor café de Xunqueira de Ambia, as guapas amigas de Vilameá ou o coqueto balneario de Baños de Molgas, onde tamén cantei nalgunha ocasión anos máis tarde. Parando nos miradores do Alto do Rodicio para gozar das fermosas vistas do val ou para recordar con cariño ao meu pai cando me levaba a pescar ao encoro do Mao; xusto por onde saímos da carretera de Castro Caldelas para dirixirnos cara Parada de Sil, deixándonos perder por algunhas das moitas secundarias que finalmente conflúen. A tarde estaba para deterse cada pouco e inmortalizar a paisaxe desta nosa provincia que cada día ten máis admiradores; tanto é así que máis dunha carretera comarcal pola que antes apenas circulaban coches, agora convértense nas fins de semana en auténticas autopistas, onde algún irresponsable segue sen decatarse da peligrosidade das innumerables curvas que obrigan a circular moi amodiño, e de que para facer fotos hai que deter o coche, aparcalo ben e dedicarlle tempo, sen xogar coa vida propia e coa dos demáis por querer inmortalizar o Sil sen poñer un pé en terra.

Nesta ocasión a viaxe non foi de visita arquitectónica, senón paisaxística, parando en todo canto famoso mirador atopamos, e mesmo noutros menos concorridos; incluso recibindo a explicación dalgún espontáneo guía local que nos indicaba onde el construiría outro balcón para gozar mellor dos meandros do río, e créanme que non lle faltaba razón ao sinalar algún deses lugares. Todo será facerllo chegar á Deputación e, quen sabe, igual ata levamos unha agradable sorpresa. Dos que hai agora, non dubido que os Balcóns de Madrid son fermosos, pero o certo é que o de Cabezoás é realmente impresionante. Tamén pasei por diante, aínda quen non parei, das Adegas Valcar, do amigo Manuel Valdés, que me rifará por non facerlle os honores aos seus viños, pero imaxenei que seguiría en terras catalás cos seus traballos á fronte de Radio Pomar, emisora onde segue facendo o programa “Lonxe da Terra” que tanto une co País aos galegos emigrados en Cataluña. Valdés foi un dos que recibíu este ano o premio “Alecrín” que outorga a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña, nun precioso acto celebrado no Castelo de Castro Caldelas.

A Ribeira Sacra segue agardando por todos os que queiran gozala, aínda que moitos teñamos medo de que ao facela tan coñecida se converta nun ateigado parque temático, como xa lle está pasando á Praia das Catedrais, ás Illas Cíes e a outros destinos que xa “sofren” o turismo masivo. 

Te puede interesar