Opinión

Quentando motores eurovisivos

O mesmo que os futboleiros máis recalcitrantes xa están pensando en como facer para achegarse ata Rusia e vivir a Copa do Mundo da FIFA, os eurofáns máis militantes levan xa un tempiño preocupándose por como poder gozar intensamente do Eurosong Contest que este ano se celebra na capital lisboeta, gracias ao querido Salvador Sobral que co seu “Amar pelos dois” foin quen de emocionar a Europa e levar o triunfo e a organización do festival a Portugal, mentres trata de poñer a tono o seu maltreito corazón que o ten retirado momentáneamente dos escenarios e do estrés que lle supuxo a intensa xira de actuacións deste pasado verán, que mesmo o trouxo ata o veciño Festival de Vilar de Mouros no concello de Caminha.

Pois aí están moitos amigos meus euroatacados pelexando con axencias de viaxes e páxinas on line para conseguir hoteis a prezos razoables para esas datas, cousa bastante complicada, toda vez que en canto se publicaron os días das semifinais e da final de Eurovisión moitos establecementos optaron por pechar moitas reservas e subir os prezos aínda máis do que xa están ultimamente, facendo de Lisboa unha cidade tan ou máis cara á hora de durmir que París ou Londres. Negocio é negocio, e o Eurofestival move milleiros de persoas que non queren perder o maior espectáculo audiovisual de Europa, e nesta ocasión para galegos e resto de españois aí ao ladiño da casa, polo que non dubidamos que xunto coas portuguesas serán as nosas as bandeiras as que máis van ondear dentro do recinto do MEO Arena situado no Parque das Naçoes da capital lusa. Para elo xa hai toda unha carreira de fondo para conseguir as primeiras entradas para a gran final que sairán á venda o próximo dia 30 deste mes de novembro, tendo que agardar a finais de xaneiro para obter ás das semifinais.

De todo o que vai saíndo sobre o evento eu infórmome pola estupenda páxina www.eurovision-spain.com, que con tanto acerto dirixe e coordina o galego Vicente Rico, que axudado por un bó número de colaboradores, moitos deles tamén galegos, conseguen poñernos ao día de todo canto sucede en torno ao Eurofestival. Tan estupendo é o traballo que realizan que por segundo ano consecutivo se lles concedeu a organización en Madrid da Eurovision-Spain Pre-Party nos próximos 20 e 21 de abril, despois da exitosa organización deste ano que nos levou ata as Salas Joy Eslava e La Riviera a miles de eurofáns entre os que me conto, xa que fun convidado especialmente polo amigo Vicente, para coñecer de primeira man a moitos intérpretes que días máis tarde compiten polo prezado trofeo de vidro eurovisivo.

A RTP optou este ano polo eslogan “All Aboard” e por unha imaxe gráfica que ten por base o Océano e a cidade de Lisboa como centro das rutas marítimas máis importantes do mundo, e tamén como cidade da diversidade, do respecto e da tolerancia, valores que Eurovisión representa en cada edición; e aínda que os portugueses pretenden facer un festival austero e acorde coa economía do País, os que coñecemos ben aos nosos queridos veciños sabemos que farán algo lindo, moderno, pero moi pegado ás súas tradicións, e con moita emoción, tanta como Salvador Sobral e a súa irmá Luisa souberon transmitirnos co seu “Amar pelos dois”.

Te puede interesar