Opinión

Quentando motores

Xa temos cancións e xa temos candidatos, e agora todo depende do cuestionado televoto para ver quen nos representa en Eurovisión. Para os eurofáns isto é como todas esas fases previas dunha Eurocopa coas que vos empapades os futboleiros, coa diferencia de que no caso do fútbol non vai todo tan precipitado como no asunto que nos ocupa.

Non cuestiono que por intereses da canle, e visto o ben que funciona o programa, TVE decidise elexir o seu representante entre os concursantes de OT, de onde saíron no seu día Rosa, Beth, ou o canario Ramón; por outra banda tamén é verdade que así garanten que a gala de elección teña certo glamour e non caiga nos erros dalgunhas edicións anteriores, por onde pulularon personaxes tipo Jhon Cobra, ou no esperpento no que se converteu a elección de Manel Navarro, con corte de manga incluído, e onde o xurado tivo unha actuación bastante desafortunada e máis que cuestionable para moitos seguidores do evento. Será por iso que este ano a canle pública decidíu deixar en mans dos espectadores toda a responsabilidade, cousa que a min sempre me producíu certo pavor, porque se é verdade iso que moitos entendidos do tema afirman, de que determinados colectivos que manexan as redes sociais ao seu antollo son quen de distorsionar unha votación, podemos volver ás andadas e finalmente ver como sae elexida a que a priori é a pior alternativa, a canción que fai de sintonía do programa e que cantarían os cinco finalistas; unha canción que non lles gusta a ningún deles e que, como afirman os analistas  Vicente Rico, José García e Manu Mahía en “eurovision-spain.com”, é máis unha canción de recheo que calquera outra cousa. Pero eu insisto, se as redes sociais, os grupos mediáticos ou sabe deus que intereses ocultos, son quen de influir decisivamente en referendums, eleccións presidenciais e moitos outros asuntos realmente importantes, porque non o ían facer coa elección dos representantes de Eurovisión. 

De calquera eu xeito sigo pensando que se fixeron as cousas demasiado de présa, podendo nesta ocasión facelo case perfecto. Moitos dos concursantes de OT seguramente están máis pendentes da súa propia final que da gala deste luns, na que sairá a canción e o representante ou representantes que vaian a Lisboa. Hai moitos cartos en xogo, son cen mil euros para quen gañe o concurso como para non dedicarlle os cinco sentidos á final. Doutores ten a santa nai igrexa, pero eu faría antes esa final e logo deixaría que todos os concursantes desta edición de OT presentasen a súa candidatura a Eurovisión, elexindo con calma a canción que mellor lles fose e propoñendo motu proprio, non por imperativo legal, os dúos, tríos ou o que mellor lles parecera aos responsables do programa.

O próximo mércores falarei de todo isto na “Sesión Vermú” da Radio Galega co amigo Vicente Rico, que é unha auténtica enciclopedia en temas eurovisivos, e co meu compañeiro en “Bamboleo” e eurofán ourensán Samu Vázquez, e analizaremos polo miúdo a canción que finalmente irá a Lisboa no mes de maio, onde todos agardamos que o primeiro saúdo e o primeiro latexo do festival nolo dea o novo corazón de Salvador Sobral, quen felizmente xa está recuperándose na casa.

Te puede interesar