Opinión

Raphael e Almodóvar

Pois sí que me alegro do nomeamento de “Fillo Adoptivo de Madrid” ao cineasta Pedro Almodóvar e ao cantante Raphael. Os que me seguen saben perfectamente da miña admiración tanto por un como polo outro. Co primeiro descubrín un cine divertido, transgresor, moderno e colorista; co segundo descubrín desde moi neno que eu quería ser coma el, artista, moi artista; evidentemente non lle chego a ningún dos dous á sola dos zapatos, pero no seu día foron modelos a seguir, xa que tanto un como o outro puxeron o mundo por monteira e desafiando todo o que houbera que desafiar fixeron o que lles pedía o corpo.

Viaxaron desde a Mancha e desde Andalucía cara ese Madrid acolledor e cheo de oportunidades para quen as sabía buscar, e para quen non se amedrentaba diante das adversidades ou dos pequenos ou grandes atrancos que todos imos atopando pola vida. Un e outro conseguiron facer realidade os soños da nenez e da adolescencia, un e outro racharon con moitos moldes, cada un na súa época, tanto se era escandalizando a unha parte da sociedade aínda medio trastornada polos efectos da dictadura co seu “Pepe, Luci, Bom y otras chicas del montón”, como se o outro convencía a propios e estraños que aos artistas hai que velos sentados, non bailando, e se hai que xesticular ata o infinito pois xesticúlase e non pasa nada, ao fin e ao cabo “que sabe nadie”.

Nesto da concesión de premios, e sobre todo se son institucionais, sempre rolda o perigo de que alguén non estea de acordo; alégrome que neste caso, con algún pequeno “pero”, todos os grupos políticos votaran na mesma dirección, como no seu día o fixo en Moaña toda a Corporación Municipal para outorgarlle o mesmo título ao gran Xil Ríos, ao que en Ourense sempre recordaremos con cariño por ter gañado o Festival do Miño. E alégrome moito porque os premios, calquera premio, sempre xenera controversia e non poucos celos e recelos dentro e fora da profesión. Alguén pode pensar que minto descaradamente cando afirmo que a min o único premio que me importa na miña carreira é seguir contando co cariño do público; pero podo asegurarlles que así é, aínda que lle estea moi agradecido a todas as institucións e colectivos que tiveron a amabilidade de recoñecer o meu traballo.

E aí están os fantásticos traballos de Raphael e de Almodóvar, aí están as súas carreiras con millóns de incondicionais, e aí están dúas vidas dedicadas enteiramente ao oficio de entreter, que non é pouco oficio; e estou encantado de que o concello da Capital do Estado lle conceda a súa máxima condecoración, que lles vai permitir a estes dous fenómenos, e nunca mellor dito, presumir de ser profetas na súa terra de adopción, desa cidade da que eu sempre dixen que é acolledora coma ningunha, e na que ningúen che pregunta nin de onde vés nin a onde vas. En Madrid aos dous días de chegar xa eres madrileño, aínda que rexentes a pensión “La Segoviana”, o restaurante “Rías Baixas” ou a vinoteca “Do Ribeiro”.

Ogallá que podamos seguir gozando do cine de Almodóvar e das cancións de Raphael por moito tempo, e dá igual se un foi do “sindicato da cella” e o outro cantou para a “Señora de Meirás”. A vida é a que é en cada momento, e os artistas son artistas por riba de todo. 

Te puede interesar