Opinión

Recordos de noitevella

Cando me preguntan que vou facer en Fin de Ano a miña mente volve tempo atrás cando tal día coma hoxe comezaba a preparar a voz, a base de bucometasana, para estar á altura dunha noite na que sabías cando comezabas a cantar pero descoñecías a que hora ías rematar, coa gorxa desfeita e cos pés destrozados de tantas horas de pé embutido nuns zapatos de “salón” aos que non acababas de acostumarte.

Eran as marabillosas Noitevellas do Hotel San Martín que sigo recordando tanto tempo despois, entre outras cousas porque permitiron pagarme varios caprichos que daquela eran todo un luxo, como a miña guitarra acústica “Ibánez”, que aínda conservo como ouro en pano, mercada en “Jolper” das Galerías Centrales e a miña primeira “torre” de música mercada en “Bermello”, un fantástico “Sharp” que daba un son espectacular co que podía mesmo poñer a bailar a medio Barrio da Cuña, que era onde eu vivía daquelas, en tempos ben felices do meu Ourense querido.

Aínda esta pasada fin de semana, no meu paseo de sábado polas ateigadas rúas dos viños atopeime co entón responsable de contratación do Club Santo Domingo e recordamos as moitas veces nas que alí tamén actuei, o mesmo que no outro Club de Tenis, o do Pazo de Ramirás, no que, ao igual que no San Martín, xa eramos o que hoxe se denominaría o “Grupo Residente”, igual que os Djs.

Foron tempos como digo ben felices, nos que o mesmo facías a revolución a golpe de Víctor Jara que amenizabas unha cea baile cantando a discografía completa do gran Roberto Carlos, e nos que entre cumbia e merengue sempre había tempo para baladas, bossa nova ou boleros cos que arrimar a orella. Lembro con moito cariño a todos os amigos que pasaron por aquel grupo “Brasas”, que nós sempre definiamos cariñosamente como “cinco mataos”, un recordo que cada Noiteboa se consolida coa chamada anual do que era o noso xefe, Tomás Fernández, que desde o ano 75, nos bos e nos malos momentos, nunca faltou á súa cita telefónica cos que formabamos aquel grupo musical, onde eu debutei unha noite de Fin de Ano queimándolle o parche da caixa da batería, e co que fun “internacional” tempo despois actuando en luxosos hoteis de Braga e Póvoa de Varzim. A algún deles volvín como hóspede nalgunha ocasión e créanme que sentín unha profunda e bonita nostalxia.

Algo deses tempos revivín tamén nas dúas recentes ocasións nas que fun dar as badaladas a México D.F., co inmenso cariño de toda a numerosa colonia galega reunida para despedir o ano no espléndido Salón Los Candiles que rexenta o amigo carballiñés Luis Portabales. Este ano, a estas alturas, aínda non sei onde me pillará a chegada de 2018; polo de pronto esta noite de sábado teño unha cita coa segunda semifinal dos “Pequenos Fenómenos” na TVG, e mañá xa veremos; contemplei a opción de Canarias pero confésolles que para estar a 18 graos tampouco é como para volverse tolo; e xa postos, tampouco ben mal gozar da auga pola que levamos implorando tantos meses; aínda que iso sí, que faga unha paréntese mañá e permita que as nenas que saen por primeira vez poidan “lucir o palmito” destrozando os pés martirizados por uns taconazos imposibles. 

Feliz Ano Novo a todos e todas.

Te puede interesar