Opinión

Retransmitindo o funeral de Miguel Ángel Blanco

Hai vinte anos eu xa estaba na Radio Galega facendo a "Sesión Vermú", e créanme que había días que non era nada fácil armarse de humor para entreter á audiencia mentres ETA non paraba de matar xente a primeiras horas da mañá. Lembro mesmo comezar varios "Supermartes" facendo un punto e aparte solidario coas víctimas do terrorismo, que por aquel entón aumentaban cada día de xeito terrible. Sempre quixen que o público vise en min a unha persoa ao marxe do personaxe, e cando os programas son en directo penso que hai que aproveitar para posicionarse sobre as cousas importantes da vida. Todo o demáis é puro espectáculo.

E chegou o día fatídico do asasinato do noso paisano de A Merca, Miguel Angel Blanco, pobo onde eu fun cantar en máis dunha ocasión, mesmo naquel entrañable Festival da Canción que organizaba o amigo Ramón do Mesón do Labrego; e recibín nesa tarde a chamada do por aquelas meu ben querido director da radio, Alfonso Cabaleiro, que me pedía que ao día seguinte eu retransmitise o funeral do concelleiro asasinado. A pregunta foi obvia, por que eu, se o público estaba habituado a escoitarme e verme facendo festa, e recibín o maior piropo que alguén pode recibir nos medios de comunicación, díxome textualmente "porque tí daslle credibilidade, xa que o público sabe que cando rís riste de verdade e que cando te pós serio tamén é de verdade". Razóns máis que suficientes como para que lle dixera que contase conmigo, pero que non ía ser nada fácil retransmitir un funeral pola radio, e ademáis coa emotividade e a rabia que todos tiñamos a flor de pel.

Xogaba coa ventaxa de coñecer perfectamente os lugares por onde pasaba a comitiva fúnebre, que eu seguía a través das imaxes de televisión, xa que ao ladiño de Ermua está a Universidade Laboral de Eibar, onde eu estudei parte do bacharelato, e son moitos os amigos que aínda nesas terras conservo. Recordo que fixen unha retransmisión moi á miña maneira, con sentidas palabras pero tamén con moita música seleccionada coidadosamente, desde a Marcha do Antergo Reino de Galicia, pasando por moitas cancións de autores galegos e por suposto cancións vascas que eu trouxera daquelas terras. Acababan de asasinar a un representante elexido democráticamente no País Vasco e merecía ser despedido coa música da terra na que naceran seus pais pero tamén da terra que os acolleu para darlle unha vida mellor, aínda que polo camiño perderan o máis sagrado que un pai e unha nai poidan perder, a vida dun fillo.

Nunca na vida volvín sentir na radio o que sentín aquela triste mañá, foi desas emocións indescriptibles que te marcan de por vida pola súa autenticidade. E agradecinlle a Cabaleiro que por segunda vez confiara en min para retransmitir algo importante; a primeira fora por algo moito máis alegre, tratábase da primeira videoconferencia que se facía en directo en Galicia para poñer en comunicación aos soldados destacados en Bosnia coas súas familias que me acompañaban no estudio central da Radio Galega. En tempos nos que a Internet aínda era algo ben lonxano, e permítanme a falta de modestia, eu sentín que estabamos facendo historia nos medios de comunicación. E algo fixemos.

Te puede interesar