Opinión

Con Rosa María Lobo

Anda o amigo Armando Lastra, home empredendor e solidario onde os haxa, dando os últimos retoques á Gran Gala que se vai celebrar o próximo sábado, día 7, no Auditorio de Ourense; trátase dun concerto de recoñecemento da figura de Rosa María Lobo, unha artista asturiana, paisana de Armando, que se achegará ata Ourense para recibir o cariño de moitos amigos que quererán estar ao seu lado tanto no patio de butacas como no escenario. Por éste pasarán figuras que como ela conseguiron estar no máis alto das listas de éxito, despois de facerse coñecidos polo gran público a través dos festivais de música tan propios das décadas pasadas. Estarán Emilio José, Carlos Luengo e Helena Bianco; o primeiro gañou o Festival de Benidorm coa logo famosísima canción “Soledad”, e o segundo levou a “Sirenita de Plata” nese mesmo concurso; da terceira temos grato recordo do seu paso por Ourense cos compañeiros de “Los Mismos”, grupo que gañou o Festival do Miño coa canción “Una vez”. A propia Rosa María Lobo tamén é boa coñecedora dos concursos musicáis, xa que co nome artístico de Maya conseguira gañar o “Salto a la Fama” de TVE, participando tamén en Benidorm, para logo, xa co seu nome real, representar a España no Festival da OTI celebrado en Caracas coa canción “Viviré”, quedando nun meritorio cuarto lugar, conseguindo que a canción non parase de soar en todas as emisoras de radio de España e Latinoamérica.

Ademáis destes artistas tamén participarán na gala figuras ben próximas a nós como Emilio Rúa, que segue dando a coñecer o seu estupendo disco “Destino Sur”, a polifacética Pili Pampín, agora formando parte tamén do elenco de “Land Róber Tunai”, o programa que conduce na Galega o amigo Roberto Vilar; tamén estarán Aída Blanco, Basilio e Silvia Riera, Manu León, Etiqueta Negra, Javier López, Nando Agüeros e, por suposto, María do Ceo, quen sempre está cando hai que botar unha man en calquera causa solidaria. Esta nosa artista está hoxe mesmo as oito e media da tarde na Casa da Cultura de Verín presentando o seu novo disco “Soños Cumpridos”, acompañada de Xosé Salgado e Armando González, o ilustre neumólogo que compón moitas das letras que a nosa cantora interpreta nos seus discos e concertos. Hoxe en Verín, ademais de falarnos de todo o que este novo disco contén, a bó seguro que interpretará algunhas desas cancións que o seu público tanto agarda, e serán moitos os amigos que se acheguen para disfrutar do momento e asinar os seus exemplares. María do Ceo cantará por suposto na homenaxe a Rosa María Lobo o “Fado da Ourensanía”, algún tema en portugués e algunha das cancións da discografía da cantante asturiana.

Por se faltara algo, o concerto vai ser conducido por un mestre de cirimonias de luxo, o radiofónico Ramón Blanco, con quen moitos comezamos a perderlle o medo os micrófonos. Ramón ten unha das voces máis carismáticas da radiodifusión española, levando agora a batuta de Radio Líder en Ourense. Será sen dúbida unha noite de emocións.

Te puede interesar