Opinión

Salvador de Portugal

Así lle chaman unhas amigas de Caminha a este novo fenómeno da canción lusa, “Salvador de Portugal”, e non lles faltou moito para asegurarme que a victoria en Eurovisión fora debida á intercesión do Papa en Fátima ese mesmo día. Un día no que Lisboa non daba abasto para acoller tanto acontecemento xunto, co tricampionato do Benfica, do que Salvador Sobral confesou ser tamén siareiro. 

Poucas veces vivín eu tan intensamente un triunfo eurovisivo como o deste ano, cunha aposta clara e decidida por unha fermosísima canción en portugués, que enamorou aos xurados e aos televotantes europeos, botando por terra os tópicos que cada edición acompañan ao Eurofestival. Volveu gañar unha canción non interpretada en inglés, sen coreografía algunha, sen fogos de artificio, cunha realización austera pero precisa e na que o realmente importante era a melodía e o intérprete. Tivo a máis alta puntuación dos países veciños como España ou Francia, pero tamén de países ben alonxados das terras lusas como Armenia, Islandia ou Polonia, por citar algúns dos moitos que non dubidaron en aupar a Portugal ata a primeira posición desde o inicio das votacións dos xurados ata o agardadísimo televoto de maior puntuación na historia do festival. Todo un fito para os irmáns Luisa e Salvador que foron recibidos no seu País como auténticos heroes, coa felicitación expresa das máis altas autoridades e de artistas da talla de Caetano Veloso. 

Non dubiden que “Amar pelos dois” vai ser a gran canción de moda por toda Europa; o gran vencedor noruegués en 2009 Alexander Ryback xa fixo unha versión co seu violín que ten rexistradas en “YouTube” máis de dous millóns de visitas; ou os piropos chegados doutras estrelas eurovisivas como Conchita Wurst. Ben é certo tamén que as palabras que Salvador dixo cando recollía o premio crearon certa polémica ao menosprezar outro tipo de músicas, que ao dicir de moitos artistas tamén teñen cabida neste tipo de eventos. Posiblemente o cantante portugués teña que medir un chisquiño máis todo o que diga a partir de agora porque, gústelle ou non, está no punto de mira de todo o mundo, e hai moitos consumidores de musica “fast food”, como el dí, que non viron con bos ollos esas críticas. E ás veces a pirotecnia, as coreografías e os efectos especiais engrandecen os espectáculos, e como dixo o intérprete sueco Robin Bengtsson hai sitio para todos.

En calquera caso, o que sí é certo é que gañou o bo gusto, a sensibilidade, a interpretación e, en definitiva, a música. Pena que nestes tempos xa non exista a orquestra en directo, porque o tema “Amar pelos dois” podería soar de auténtica loucura cunha sinfónica poñendo a banda sonora. E o que tamén é certo é que Salvador Sobral vai poder cumprir o seu soño, non o de gañar Eurovisión, cousa que el en principio non contemplaba, senón o de poder cantar por todo o mundo. El conseguíu que moitos dos seus paisanos, de dentro e de fora de Portugal, viviran emocionados unha noite memorable; alegría que nós, os galegos, tamén compartimos por sentírmonos dalgún xeito representados polo idioma. Agora xa soamente queda desexarlle a Salvador que os comentados problemas de saúde non lle impidan gozar longamente do triunfo ofrecendo múltiples concertos. Parabéns e muito obrigado.

Te puede interesar