Opinión

Tempo de cocidos

Habería que ir parando, e isto non fixo máis que comezar. Pero calquera lle di que non a unha lamboirada tan propia das nosas casas por estas datas! ¿Cantos cocidos levan vostedes? Eu xa nin os conto, que se en Santiago, que se en Allariz, que se en Lalín ou que se en Vigo. É imposible non sucumbir á tentación de poñerse diante dunha tremenda pota de verdura con garavanzos e patacas, dunha inmensa fonte de cachucha, lacón, dente, morro, orellas, chourizos de carne e ceboleiros, touciño e vitela;  e doutra tremenda fonte de filloas ou ourellas de carnaval, e todo elo ben regado con algún Valdeorras, Ribeiro ou Monterrei axeitado para unha perfecta “maridaxe”, que se dí tanto agora.  Así somos nós, e como dí o outro, xa somos moi maiores para cambiar. Chega o Entroido e xa non hai quen dea enfundado o pantalón que dúas semanas antes che entraba folgadamente; menos mal que por estes lares, por aquelo do frío nocturno, os disfraces son máis de osos polares que de “garotas de Ipanema”, aínda que habelos hainos que aínda que caigan chuzos de punta son quen de subirse nuns conxelantes tacóns imposibles de tres números menos e de sair en picardías lucindo as “lorzas” cultivadas con esmero desde o Nadal.

Pois o dito, escribo isto xusto despois dunha pequena soneca de sobremesa, logo de compartir mesa e mantel coa encantadora Elia e o seu fillo Joserra, que xunto con Mónica fixeron de marabillosos anfitrións dun tremendo cocido ourensán en terras viguesas; porque menos o pan, que tampouco estaba mal, o resto chegou directamente de Sarreaus, onde fai un ano eu tivera o pracer de compartir con eles e máis amigos outros felices momentos carnavaleiros. Nesta ocasión soamente lle  fomos un pouco infieis á cita gastronómica co viño da terra, porque cando chega cal maná caído do ceo un “Ribera del Duero” de bacelo escollido, deses de “falar con deus”, pouco hai que dicir; soamente brindar polos presentes, polos ausentes, polos que virán e “doxe nun ano e a poder ser sempre antes”.

Pero xa lles dixen que isto non fixo máis que empezar, que neste sábado toca celebrar os primeiros dous aniños da miña afillada Sira na casa familiar de Allariz, onde sendo o día que é imaxino que comida de dieta tampouco vai ser; e cara a próxima semana, aínda que haxa que traballar mesmo en martes de Entroido, non faltaremos á cita coa enchenta porque a miña querida Doña Hermitas Ferreiro, sí sí, a inefable de Parada do Sil do “Supermartes”, empeñouse en que sendo da provincia de Ourense sería un pecado non darlle entrada á Cuaresma á base de saudables calorías, que despois, dí ela, xa haberá tempo de comer eses menús dietéticos cos que se nos pon cara de leite fervido, preparando xa a “operación bikini” de primavera-verán.

Enfín, que estamos en pleno Entroido e, como digo todos os anos, é momento de sermos un chisco máis felices e máis desmadrados, nestes tempos nos que mires para onde mires sempre se cola algunha desgraza ou algunha noticia que che arrepía o corpo. En Ourense témolo claro, o Entroido é a nosa gran festa colectiva e provincial e se lle dá por chover algún dos dias, sempre nos queda o disfraz individual de buzo ou o colectivo de tenda de campaña.

Te puede interesar