Opinión

Vémonos en Sarreaus

Escribo isto cun par de días de antelación, e xa sei que por desgraza o marabilloso sol que está entrando pola miña ventana non se vai manter nos días álxidos do Entroido, poñendo en perigo algúns dos desfiles e actos previstos; pero o que non vai impedir a inclemencia do tempo é que, aínda que caian chuzos de punta, nos botemos á rúa e nos xuntemos diante dunha boa mesa chea de productos que atentan directamente contra o colesterol, os triglicéridos e todas esas cousiñas que os benditos médicos de cabeceira terán que contraatacar unha vez soterrado o meco e iniciado o tempo de Coresma. A verdade é que este ano aínda non nos deu tempo de librarnos das lorzas do Nadal e xa estamos coas enchentas do Entroido, pero así somos os galegos, facemos votos por manternos á liña pero en canto nos poñen diante unha boa cachucha, un lacón ou todos eses pecados que acompañan ós grelos lanzámonos como posesos como se non houbera mañá.

E eu non ía ser menos, ademáis este ano con maior motivo, xa que mañá domingo estou convidado a compartir mesa e mantel coa familia do meu amigo José Ramón López, Sarxento 1º da Policia Xudicial da Garda Civil de Vigo e pola súa dona, aínda que os verdadeiros anfitrións serán os seus pais Plácido e Elia, que nos abrirán a súa casa de Sarreaus a un bó número de comensais para que collamos forzas de cara ao desfile da tarde, no que os “Vergalleiros” volverán ser os auténticos protagonistas, xunto coa charanga NBA , o Folión “A Caniceira”, a batucada “Xituma Batuke” e a Orquestra Pontevedra, que tratarán de axudarnos a facer a dixestión do que preveo vai ser un exceso irremediable.

Pero o Entroido é xustamente iso, tempo de excesos e desenfreo, foino sempre e non houbo autoridade civil nin militar que o impedira. Aínda lembro aquel bando desafortunado dun gobernador provincial de Ourense, xa en plena democracia, que prohibía tapar a cara, tendo que pregoar un “contra-bando” inmediato para calmar os ánimos da parroquia e pedir perdón públicamente por descoñecer a tradición tan arraigada por estes lares; unha tradición que mantivemos moitos de nós cando chegado este tempo poñiamos o primeiro que atopabamos nos armarios das nosas casas para sair de “charrúas”, que así é como lle chamabamos en Allariz; e non precisabamos desfiles nin grandes inversións para disfrazarnos e pasalo ben; daba igual se era co traxe da forxa de teu pai ou coa roupa da túa avoa, o caso era transgredir e sair da norma por uns días. Eu procurei durante moitos anos ser fiel ó Entroido, confeso que, tal como relato no meu libro nun capítulo que dedico a esta festa, houbo un tempo compostelán no que case o esquecín, pero cos anos recuperei aquel espírito da nenez, da xuventude e da premadurez, porque maduro maduro penso que non hai que ser nunca, para vivir novamente a festa máis participativa e divertida do almanaque.

Este ano toca en Sarreaus, e ben feliz que estou porque, confeso avergoñado, estando como está no corazón da Limia, aínda non o teño visitado. Nunca é tarde para emendar un erro imperdoable.

Te puede interesar